Enoturismo

Ven a gozar do sabor do noso viño, o olor das nosas adegas e a textura das nosas uvas. 

Convidámoste a que goces da nosa saborosa gastronomía, a que te deleites coa nosa riqueza patrimonial e te empapes da nosa cultura e tradición

 

A viticultura na historia do territorio.

É sabido que a tradición vitícola en Galicia vén de moi atrás, tanto que mesmo historiadores como Ramón Villares (Historia de Galicia - 2004) afirman que dentro do proceso de romanización da Gallaecia, posterior á invasión, o pobo romano introduciu o cultivo da vide no noso territorio, coa finalidade de consumo e de exportación á capital do Imperio. Segundo ten documentado o xeógrafo e botánico francés, Alain Huetz de Lemps, as primeiras mostras evidentes e documentais do cultivo da vide no territorio de Pontevedra e do Morrazo danse na altura da Idade Media, no século XIII. Para isto, Huetz de Lemps baséase en documentación achada no Mosteiro de Melón, Ourense, onde se demostra que dito Mosteiro tiña numerables posesións nestes territorios onde se cultivaba a vide.

Así mesmo, atopamos outra referencia no século XV en Pontevedra, onde os produtores locais prohiben ao Gremio de Mareantes introducir viño procedente de Ribadavia mentres exista viño local, co fin de vender o total da produción da zona.

 

Entre os séculos XIII e XV o cultivo da vide aumenta cuantitativamente ao longo de toda a Ría de Vigo e a súa produción era suficiente para abastecer a toda a contorna, sen necesidade de importar caldos. Tanto é así que existe constancia de que no século XV, no porto de Cangas, se vendían os excedentes da produción a comerciantes que viñan na busca de viño de Ribadavia porque o produto local tiña un menor custo. Entre o século XVIII e XIX toda a parte occidental da provincia de Pontevedra experimenta un aumento de viñedos, chegando a ser, xunto co millo e a pataca, a principal actividade agrícola neste territorio. E así, foi en aumento unha tradición vinícola que chega aos nosos días e que deixou unha forte pegada cultural.

 

A ruta dos viños oceánicos a través dos concellos

Tramo Redondela

Tramo Bueu

Tramo Cangas

Tramo Moaña

Tramo Poio

Tramo Marín

Tramo Pontevedra

Tramo Vilaboa