PONTEVEDRA
O poderío económico do viño
Continuamos a ruta cara a Pontevedra, etapa final do itinerario e cidade máis importante do Camiño Portugués de Santiago. Seguimos o trazado do Camiño Portugués e da antiga vía romana XIX. A heroica ponte de Ponte Sampaio dános a benvida ao concello de Pontevedra tras cruzar o río Verdugo, antigo limis conventualis romano. Nesta parroquia faremos un alto no camiño para visitar a igrexa de Santa María, para bañarnos na súa praia fluvial, para rememorar os ecos da batalla que en xuño de 1809 tivo lugar aquí ou para merendar no cenador da Illa de Medal, “A Insuíña”, lugar de reunión de personaxes ilustres como Valle Inclán, Castelao, Laxeiro ou o pintor Antonio Medal. Recomendamos achegarse á Canicouva e visitar a igrexa románica de Santo Estevo, co seu canzorro do home abrazado a un pipote de viño e a súa cepa de vide na porta recordándonos o carácter sacro do viño na nosa cultura. Unha última parada antes de visitar a vila de Pontevedra é o santuario de san Cibrán de Tomeza, avogoso contra o mal de ollo e famoso polos pastequeiros, aqueles curandeiros que usaban o viño nos seus ritos curativos.
A Boa Vila ben merece unha visita pausada pois, á parte dos seus atractivos culturais, comerciais e lúdicos, conta cunha das zonas históricas mellor conservadas de Galicia. Pontevedra foi no seu día a cidade comercial e portuaria máis importante de Galicia e o viño un dos seus principais recursos económicos, ata tal punto que a denominada “Bota de Pontevedra” xeneralizouse como pipa ou envase máis usual do comercio dos viños. O seu uso estendeuse por todos os portos de Galicia e o Cantábrico e os toneleiros pontevedreses eran demandados en Ribadavia, Betanzos ou requiridos polos provedores das armadas reais con base en A Coruña. Cómpre facer un percorrido pola cidade vella, reminiscencia do pasado esplendoroso da nobre vila e buscar esas enraizadas conexións co viño e a súa cultura.
Unha visita á Casa das Campás, considerada a casa máis antiga de Pontevedra e, segundo a tradición, morada do famoso pirata Benito Soto; a obrigada visita á igrexa da Virxe Peregrina, templo con planta de cuncha de vieira, ou descubrir os tesouros artísticos da basílica de Santa María a Maior, exemplo en pedra do poder económico do gremio de mareantes, motor comercial da cidade no século XVI cando o monopolio do comercio das salgaduras e as exportacións de viño xogaron un papel fundamental no apoxeo económico de Pontevedra, son algunhas das opcións que temos. Percorremos sen présa as rúas e prazas da vella Pontevedra, baixando pola rúa Isabel II cara ao cruceiro das Cinco Rúas e cruzando a rúa Real para tomar pola rúa Sarmiento ata a igrexa de San Bartolomeu. O mesmo percorrido que seguía o Camiño dos arrieiros que traían o famoso viño das ribeiras do Avia. Aconsellamos achegarse a ver os retablos barrocos decorados con follas de parra da igrexa de San Bartolomeu. Esta igrexa, recordo de San Bartolomeu “o vello”, estaba moi vencellada ao cultivo da uva en Pontevedra pois entendíase que o viño ullao, ou da colleita dos seus veciños, era o cultivado na contorna na vila, a una distancia na que fose posible oír as campás parroquiais da desaparecida igrexa de San Bartolomeu “o vello”.
Moitos máis son os atractivos culturais e turísticos desta vila: os seus parques e as súas prazas, como a Ferreiría, a da Leña ou a da Verdura; a súa animada vida nunhas rúas e prazas hoxe peonís para goce da cidadanía; o mosteiro de Lérez; a Illa das Esculturas cunha mostra de arte única en Europa; a rica oferta gastronómica ou unha visita ao Museo Provincial de Pontevedra, lugar ideal para coñecer a historia da cidade e poder observar unha das representacións, posiblemente, de acios de uvas máis antigas de Galicia (as arracadas castrexas de ouro de A Grota e a de Cances), son outras das propostas que nos ofrece esta Ruta dos Viños Oceánicos.