Territorio

A Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo esta conformado por 8 concellos, Pontevedra, Poio, Vilaboa, Bueu, Cangas, Moaña, Marín e Redondela que polas súas características climáticas, orográficas e xeolóxicas fan que neste territorio se elaboren viños singulares.

Dentro da enorme heteroxeneidade climática que presenta Galicia como consecuencia da directa influencia mariña e o relevo do territorio, a zona amparada presenta un clima claramente determinado que podemos clasificar como oceánico-húmido. Así mesmo, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo da vide atópase por debaixo dos 150 m s. n. m., localizada na zona costeira (Península do Morrazo e fondos das Rías de Pontevedra e Vigo), nos terreos de aba, con suaves pendentes e orientacións protexidas polos relevos da dorsal do Morrazo, a Serra do Castrove ao norte, as elevacións cara a Serra do Suído no este e a Serra do Galiñeiro no sur, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, feito que representa as condicións axeitadas para unha área de grande produtividade agrícola.

Clima

A comarca agrícola na que se producen os viños da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo goza dunhas 2.100 horas de sol ao ano e de temperaturas suaves con amplitude térmica reducida no período vexetativo, entre 7,3 ºC e 25,7 ºC, con temperaturas elevadas no período invernal (por enriba dos 9º de temperatura media no mes de xaneiro), con práctica ausencia de xeadas e cunhas precipitacións que se sitúan entre os 1.300 e 1.800 mm, ao que debe unirse a orientación das serras citadas anteriormente que produce unha debilitación estival das precipitacións, que ao combinarse con temperaturas relativamente altas na mesma época inducen a valores elevados de evapotranspiración (entre os 600 e os 800 mm no ano) e consecuentemente, unha acusada influencia mediterránea neste período, con temperaturas medias entorno aos 18 ºC, o que claramente beneficia o cultivo da vide.

Solos

A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e con escaso contido en materia orgánica no seu estrato máis superficial. Son, na súa maioría, solos antigos, con fondura suficiente e ben aquecidos pola insolación, o que os fai axeitados para o cultivo.