MARÍN
Galaicos, romanos e o comercio do viño
Abandonamos Poio e cruzamos Pontevedra deixando atrás o esplendor do pazo de Montero Ríos, evocador dos viñedos da fidalguía, para chegarmos á mariñeira vila de Marín. Dos moitos atractivos que ofrece este concello, ademais da visita á Adega Ardán, imos deternos no castro da Suvidá, lugar arqueolóxico cunha importante conexión coa historia do viño nestas terras. Neste estratéxico asentamento fortificado da Idade do Ferro atopáronse numerosos restos de ánforas vinarias que nos falan das relacións comerciais entre a nosa costa e o Mediterráneo, así como das importantes importacións de viño que, hai xa dous milenios, chegaban a estes litorais do Morrazo. Un consumo incipiente e crecente de viños que acabaría facendo deste produto e da súa planta un dos marcadores culturais máis importantes das ribeiras do Morrazo e de Galicia.
A subida ao castro da Suvidá é unha boa oportunidade para gozar da paisaxe de minifundios vinícolas. Unhas plantación de vide que, alternadas con canavais e vimbios, salpican toda a xeografía do Morrazo, especialmente no treito entre Marín e Bueu, demostrando, unha vez máis, o arraigado do cultivo da vide e da produción de viño nestas costas atlánticas.
Dende a costa de Marín os produtos do mar, como o polbo, chegaron ao interior de Galicia, en concreto á comarca de Carballiño pois aló polo século XII o mosteiro de Oseira se fixo cun couto nesa vila e porto mariñeiro e, á parte de rendas, do couto tamén extraían produtos mariños.
Na parroquia de Ardán atopamos a segunda adega da nosa IXP: a Adega Artesá Ardán. Aquí prodúcense os viños Praia do Santo, 3 Hermanos, Porta do Conde e Praia de Loira con variedades de uva albariño e caíño tinto cultivadas artesanalmente nas case dúas hectáreas de viñedos que traballa a familia de xeito manual. A visita á adega Ardán permitiranos gozar destes caldos.
A visita estival ao concello de Marín é unha boa oportunidade para achegarse a algunha das súa praias, por exemplo, a aquelas que dan nome aos nosos viños da IXP Ribeiras do Morrazo: a praia de Loira e a praia do Santo do Mar.
Dende a praia de Loira podemos aproveitar para facer a Ruta dos muíños de Loira, un fermoso percorrido polas ribeiras do río Loira visitando o importante conxunto etnográfico dos seus muíños de río, interesante mostra do que foi un dos elementos fundamentais para a economía doméstica e a subsistencia dos labregos onde o pan e a fariña eran base tanto da súa alimentación coma da dos animais domésticos.