Tramo Vilaboa

Tramo Vilaboa

VILABOA

Vilaboa: unha experiencia vitivinícola para vivila Que visitar?

O seguinte destino do noso itinerario é o concello de Vilaboa, ao que chegamos seguindo a estrada da costa PO-551 para, á altura de Rande, tomar a nacional N-554 ata Vilaboa. Neste concello, en concreto na parroquia de Santa Cristina de Cobres atopamos a cuarta adega da nosa IXP: a Adega Os Areeiros, onde se producen os viños Os Areeiros (Albariño) e Os Areeiros (Tinto). A visita á adega Areeiros é parada obrigatoria neste itinerario pois permítelle ao visitante achegarse ao proceso de produción do viño, pasear polos seus viñedos das castes caíño, albariño e sousón e, se así o desexan, aloxarse no seu establecemento de turismo rural na propia explotación vinícola.

Dende Vilaboa subimos ao alto da cordal do Morrazo para gozar das vistas que nos ofrece o Miradoiro de Cotorredondo, atalaia dende a que poder contemplar en toda a súa extensión o territorio que abrangue a IXP Ribeiras do Morrazo. O que hoxe son estradas foron antano camiños de pés que articulaban a comarca do Morrazo dunha á outra beira do mar. Por estes vieiros ían as leiteiras da Canicouva a Marín, as peixeiras de Marín e Lourizán a Pontevedra e os produtores locais de viño de Vilaboa a vender o seu produto ás tabernas de Marín e Bueu.

Tamén propomos gozar de enclaves naturais como o Lago de Castiñeiras, parque forestal ideal para pasar un día ou unha tarde en plena natureza, gozando dunha comida campestre nos asadores acondicionados para tal efecto ou paseando polos seus sendeiros e visitando algúns dos seus monumentos megalíticos, como a monumental Mámoa do Rei, paradigmático exemplo do megalitismo atlántico, mostra dos temperáns contactos históricos entre os pobos da cornixa atlántica europea e signo de identidade do atlantismo que impregna os caldos da nosa IXP.

Máis información

 

 

Ruta: