POIO
A cultura vitivinícola dos mosteiros
A ruta comeza no concello de Poio. Partimos no noso percorrido do Mosteiro de Poio, onde podemos visitar unha das adegas e produtores da IXP Ribeiras do Morrazo que conta tamén con hospedería, polo que é un lugar privilexiado para aloxarse e gozar con calma deste itinerario.
A tradición vitivinícola do mosteiro vén de antigo e, entre os seus privilexios, estaba o dereito a vender o seu propio viño antes que os veciños o seu, para evitar que lle puidesen facer competencia.
Actualmente o Mosteiro de Poio produce os viños Viñas de Monasterio Mencía e Viñas del Monasterio Albariño. No mosteiro tamén merece a pena visitar o seu pequeno museo, o seu magnífico hórreo (un dos máis grandes de Galicia) e a súa magnífica biblioteca, que cuns 120.000 volumes é a biblioteca privada máis grande de Galicia.
O legado da tradición vitivinícola de Poio tamén o podemos rastrexar no conxunto histórico artístico de Combarro. Unha escapada moi recomendable como complemento da nosa ruta. A Casa da Biblioteca conserva un antigo lagar, testemuñando a importancia da produción de viño neste litoral atlántico de Poio, así como o papel das casas fortes labregas e dos pazos no cultivo da vide.
A presenza cultural do viño na vida de Poio abrangue tamén o mundo do patrimonio inmaterial. Cada 24 de setembro, coincidindo coa festa da Virxe da Mercé, celébrase na igrexa do mosteiro a “Misa da vendima”. Durante a liturxia, dúas mulleres realizan unha ofrenda á Virxe cun cesto con produtos do campo en agradecemento polas colleitas obtidas.
Para afondar no imaxinario do pasado mariñeiro do concello recomendamos a visita á Casa Museo de Cristovo Colón, o famoso navegante “descubridor” de América que, segundo a tradición, naceu en Poio. Tamén é unha boa opción realizar unha excursión marítima á Illa de Tambo, lugar intimamente unido á historia, ás crenzas e aos mitos de Poio e da ría de Pontevedra.