Redondela
A literatura e a fidalgura do viño
A chegada a Redondela pode facerse cruzando o núcleo de Cesantes ou seguindo a estrada N-550, que se sobrepón á Vía XIX e ao camiño carreteiro a Valga.
Se se baixa por Cesantes teremos fermosas vistas da histórica enseada de San Simón, testemuña de batallas navais e os horrores da Guerra Civil, cantada
por trobadores medievais e onde Xulio Verne sitúa o episodio do tesouro submarino da súa novela “20.000 leguas de viaxe submarina”. Hoxe, unha estatua
dedicada ao Capitán Nemo lembra o famoso relato. Para coñecer a historia naval de Redondela cómpre visitar o Museo MEIRANDE, centro de interpretación
da batalla e do patrimonio cultural de Rande.
Redondela, vila famosa polos seus viadutos ferroviarios ou pola celebración do Corpus Christi (coa súa festa da Coca e a danza de espadas) entre outros, conta
con diferentes atractivos culturais e turísticos como unha visita ao fantástico miradoiro do Campo da Rata e o seu famoso banco dende o que contemplar unha
das mellores vistas sobre a ría de Vigo e a Península do Morrazo. Pero o noso itinerario fará parada e fonda na quinta adega da nosa IXP, a adega Reboraina,
situada na rúa da Igrexa, na parroquia de Santa María de Reboreda.
Na adega Reboraina prodúcense os viños 100 Polas (Godello) e Reboraina (Albariño) e conta cunha superficie vitícola de catro hectáreas de viñedos pertencentes
á mesma familia dende o século XIX. Os viñedos están destinados a cepas das variedades Albariño e uva Godello. Nesta adega o visitante non só poderá
contemplar os seus viñedos, o predio do señorial pazo onde se localiza a adega ou a igrexa parroquial anexa, senón que poderá gozar dos seus caldos no típico
furancho que abren cada ano no tempo estival. O pazo de Reboraina foi inmortalizado polo ilustre escritor galego Otero Pedrayo na súa derradeira novela O
señorito da Reboraina (1960), baseada na vida do fidalgo don Xoán Manuel Pereira de Castro, nado en Reboreda no século XIX.
Dende Redondela tomamos o Camiño Portugués e o trazado da Vía XIX que coinciden no seu percorrido coa N-550. Chegados a Cesantes, seguimos o trazado
da vía XIX que coincide coa EP-2901 e que nos levará ata a igrexa de Santa María do Viso, asociada estreitamente á cultura do viño nesta comarca. A igrexa é
un templo barroco construído ao redor do 1575. No Viso celébrase o 3 de febreiro o San Brais, e baixa o carro da burra en compaña dos gaiteiros e da comisión
de festas repartindo viño e rosquillas polos barrios da parroquia. No adro do templo, ademais dunha colección de 50 tampas de lápidas funerarias, temos un
conxunto de elementos etnográficos que renden homenaxe á tradición vitivinícola do lugar. Un carro de vacas con dous bocois de viño apoiado nun peso de
lagar e unha lagareta de pedra conforman o conxunto escultórico.
Proseguimos pola EP-2901, trazado da vía romana XIX, para desviarnos á esquerda pola estrada da Peneda ata o alto do Monte da Peneda. Unha parada
no noso itinerario para poder gozar das vistas deste fantástico miradoiro natural, a 329 m de altitude, e tamén do rico patrimonio histórico que atesoura: as
ruínas dun castro, os alicerces da Fortaleza de Castrizán e a ermida da Nosa Señora da Peneda, a Virxe das Neves, construída entre os séculos XVI-XVII sobre
o que sería o patio de armas da antiga fortaleza destruída por Pedro Madruga de Soutomaior.