Tramo Cangas

Tramo Cangas

CANGAS DO MORRAZO

Viños de salitre, santos, bruxas e entroidos

Continuamos pola PO-315 e entramos no núcleo urbano de Aldán. Recomendamos unha parada para visitar a Finca de Frendoal, coñecida como o Bosque Encantado. Este predio, que alberga un frondoso bosque e a réplica dun pequeno castelo, formaba parte do pazo Casa Torre de Aldán, dos Condes de Canalejas. Hoxe é propiedade do concello de Cangas e está aberta para goce de toda a cidadanía.

De Aldán continuamos ata o Igrexario do Hío. Deterémonos na parroquia de Santo André do Hío pola súa estreita vinculación coa cultura do viño. Coincidindo co día de San Roque nesta parroquia celébrase fronte ao famoso cruceiro do Hío a Danza de San Roque. Esta danza con séculos de antigüidade está declarada de Interese Turístico Galego e é unha mostra marabillosa do patrimonio inmaterial que atesouran as ribeiras do Morrazo. Tras a misa solemne, a imaxe de San Roque sae ao adro e os danzantes comezan a danza tras as pertinentes venias ao santo. O San Roque, avogoso das pestes e das pragas, porta en todo o seu percorrido una acio de uvas maduras como ofrenda para que traia unha boa colleita. A Danza de San Roque do Hío xunto coas Danzas de San Cibrán de Aldán e Danza e contradanza de Darbo conforman as denominadas tres danzas ancestrais de Cangas do Morrazo.

Se hai un lugar onde se pode sentir ese carácter atlántico dos viños da IXP Ribeiras do Morrazo é en Donón. Unha visita á adega Videiras do Mar e aos seus viñedos é obrigada, así como achegarse ás viñas da Redonda, Costa Seixeira ou Cabo do Vento pois alí podemos comprobar in situ como as viñas medran na propia area que os ventos do Atlántico depositan nas dunas das esgrevias costas do Morrazo. Unha paisaxe vitivinícola única en Europa que conserva vides prefiloxéricas. Nesta adega do Hío poderemos degustar viños albariños ou loureiros como Quereres do Hío ou Quereres de Berobreo. Viño saído da area e do mar, bautizado co salitre e bendicido polo vento mareiro.

Por último, cómpre achegarse ao castro e santuario do Facho de Donón. Nada mellor que o espectáculo sublime de contemplar o océano e as illas Atlánticas dende o alto do Facho de Donón, cos cantís da Costa da Vela aos noso pés. Son as paisaxes e os camiños do deus Berobreo, ao que se lle rendía culto no alto do Facho de Donón, neste auténtico cabo do mundo. Quen o desexe pode achegarse tamén ata o Faro de Cabo Home.

Tras os atractivos de Aldán e do Hío, Cangas aínda ten moitas cousas que ofrecer. Un paseo pola súa vila e o seu porto para sentir a esencia mariñeira do Morrazo, ou unha escapada ata a igrexa de Coiro, de cuxas campás se dicía que tocaban soas para congregar as bruxas nos aquelarres que facían na praia de Areas Gordas (Rodeiro), son un bo xeito de achegarse á historia e identidade deste concello e desta terra meiga, nunca mellor dito. A historia de María Soliña, xulgada inxustamente por bruxa, ou a lembranza dos ataques de piratas sarracenos forman parte da memoria colectiva da vila. Estes ataques conmemóranse cada ano coa celebración da festa histórica da “Defensa da Vila”.

Máis información

 

 

Ruta: