Brancellao

Sinonimias

Albarello (denominación dada na DO Ribeira Sacra e Valdeorras), Serradelo (en Betanzos), Brancello (na DO Rías Baixas) e Brencello (na Baixa Limia)

Antecedentes

Variedade documentada como cultivada na época prefiloxérica en Galicia, é citada como sinónimo de Albarello por distintos autores (Casares, 1843;Fernández Crespo, 1897). Estudos recentes poñen de manifesto que ambas as dúas denominacións responden á mesma variedade, e a súa orixe xenética está relacionada co Caíño Bravo (Díaz-Losada et al., 2010). García de los Salmones(1914) cita o seu cultivo en Bo (Noia), Betanzos, Monforte, Lobios, A Pobra de Trives, O Barcode Valdedorras, Ponteareas. No Catastro Vitícola de 1983 indícase como presente nas provincias de Pontevedra e Ourense.

Situación actual

É unha variedade da IXP Ribeiras do Morrazo. Ademáis é recoñecida como variedade preferente nas DD.OO. Ribeira Sacra e Ribeiro e Valdeorras, como autorizada nas Rías Baixas, e é recomendada, así mesmo, para a elaboración de viños nas indicacións xeográficas Viños da Terra de Betanzos, Barbanza e Iria e Val do Miño.

Valoracións sobre o seu cultivo

Variedade de agromada e maduración serodias; vigor alto e produción e rendemento medio comparado coa variedade Mencía. Posúe elevada sensibilidade ao oídio, de intensidade media ao mildeu e baixa á botrite. Produce viños equilibrados de graduacións entre 13,14-13,82% e acidez total (5-6,43 g/L) e pH (3,4-3,6) medio. Con baixo contido en compostos fenólicos (IPT 25-35). Os viños son de estrutura media, con taninos suaves e de intensidade aromática alta, con aromas a froitos roxos, uva pasa e froita fresca. É axeitada para a elaboración de viños do ano monovarietais o plurivarietais, admitindo tamén crianzas curtas.

Descrición morfolóxica

Pámpano

O pámpano novo presenta a extremidade aberta, moi peluda e con pigmentación antociánica reberetada de intensidade débil. A cara dorsal e ventral dos entrenós é verde, mentres que a dos nós é verde e vermella. As xemas presentan pigmentación antociánica na base de intensidade media.

Folla Nova

A folla nova é bronceada e moi peluda entre os nervios do envés.

Folla Adulta

A folla adulta de cor verde escura presenta tamaño medio e forma pentagonal, con cinco lóbulos; peluda, con alta densidade de pelos tombados entre os nervios principais e media sobre estes, e con nula ou moi baixa densidade de pelos ergueitos entre e sobre os nervios principais; perfil alabeado; limbo con avultamento medio e inchazón forte da face; dentes con ambos os dous lados convexose de lonxitude media en relación á súa anchura; seo peciolar en V, con lóbulos lixeiramente superpostos; seos laterais superiores con lóbulos lixeiramente superpostos coa base en forma de U e con presenza ocasional de dentes; pecíolo lixeiramente máis curto que o nervio principal.

Acio

O acio é cónico, de lonxitude e anchura media, compacidade solta e con presenza de 1 ou 2 ás. O pedúnculo é de lonxitude media.

Bago

O bago de cor vermella violeta escura presenta forma elíptica curta e tamaño medio.

 

Imaxes: 
Brancellao
Brancellao 2
Fonte:: EVEGA