O GDR Pontevedra Morrazo xestiona axudas para 11 proxectos co obxectivo de dinamizar o rural no seu territorio

Data: 
martes, Outubro 6, 2020

Entre as empresas que presentaron os proxectos seleccionados atópase unha das adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, Adega ARDÁN de Marín.

Fonte Pontevedra Viva por Oskar Vieitez

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo ven de aprobar os 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2020/21, cun investimento total comprometido que ascende a 426.196 euros.

Entre estes, a de maior cuantía é a creación dun fogar residencial na parroquia de Berducido en A Lama, un proxecto promovido pola empresa O Cruceiro, que ten un orzamento de 156.351 euros e que recibirá unha axuda do 45%.

Otra das iniciativas aceptadas é a creación dunha empresa de Educación Ambiental en Cela, Bueu. Tamén terá axuda a modernización dunha clínica veterinaria na parroquia de Curro (Barro), a creación dunha lavandaría autoservizo na parroquia de Seixo en Marín, a ampliación e modernización da empresa Delicias del Norte localizada na parroquia pontevedresa de Cerponzóns.

Tamén recibirá axudas o proxecto de ampliación dun centro psicopedagóxico situado en Bueu e o proxecto dunha adega artesán localizada en Ardán-Marín con case 2 hectáreas de viñedos en parras de variedade albariño e caíño tinto baixo a IXP Ribeiras do Morrazo.

Otro dos proxectos aceptados é a posta en marcha dunha aula de novas tecnoloxías e multimedia na Casa de Cultura de Cerdedo e outro proxecto promovido pola Comunidade de Montes de Calvelo e Río Tenorio coa finalidade de crear unha área de recreo forestal nunha carballeira situada na contorna do río Lérez ao igual que outro proxecto promovido pola Comunidade de Montes de San Martín de Vilaboa coa finalidade de ampliar os espazos e os equipamentos de lecer no Lago de Castiñeiras.

Por outra banda, destinaránse fondos a un programa formativo de 60 horas lectivas de Xestión agroforestal sustentable, centrado na horticultura e apicultura ecolóxicas así como as producións alternativas no monte.