Este venres 22 de marzo botou a andar nas instalacións da biblioteca de Beluso do concello de Bueu unha nova edición do programa formativo “PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DA VITICULTURA NA IXP RIBEIRAS DO MORRAZO (2019)” de 71 horas lectivas organizado polo GDR Pontevedra Morrazo.
Dende 2017, o Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, que xestiona a medida Leader 2014-2020, está a desenvolver un programa formativo para a profesionalización e desenvolvemento da viticultura na indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.
Nos anos 2017 e 2018 realizáronse accións formativas diversas orientadas a reforzar o empoderamento do sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo, así como a súa profesionalización e capacitación técnica, fortalecendo deste xeito á propia figura ou selo de protección da calidade.
Nesta anualidade 2019, preténdese continuar a formación cunha proposta que afonda na sustentabilidade e boas prácticas na viticultura e enoloxía, con referencias a modelos de viticultura integrada e/ ou ecolóxica e explorando actuacións de carácter colaborativo entre as propias IXP de viño de Galicia e de funcionamento cooperativo.
Obxectivos do proxecto
O programa formativo pretende dinamizar o sector vitivinícola, potenciando os seus coñecementos e o traballo en conxunto en torno ao que este selo de calidade supón.
O programa realizarase dende o mes de marzo ata o de xuño, en diferentes localidades do territorio da IXP.
Esta proposta de traballo basease nunha metodoloxía de formación-acción, que ten como obxectivo fundamental o de realizar un programa formativo de carácter práctico, que impulse a participación activa dos axentes implicados no desenvolvemento e articulación da citada indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.
Os principais obxectivos que persegue o programa formativo 2019 son:
- Continuar reforzando e empoderando ao sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo.
- Mellorar os coñecementos e a capacitación profesional das persoas participantes, para acadar un sector vitícola e vinícola, máis dinámico, moderno e proactivo.
- Impulsar a xeración de iniciativas de emprendemento ligadas a modelos, como por exemplo o cooperativo.
- Reforzar e dar a coñecer ao propio sector, coa realización de diferentes actividades, en diferentes concellos da zona territorial que comprende a IXP, e o propio GDR.
O contido temático desta primeira sesión formativa foi de carácter introdutorio e versou sobre as boas prácticas, a responsabilidade social e a sustentabilidade na vitivinicultura e os aspectos normativos para a xestión da viña e a adega, controis, etc. dentro da IXP.
En total serán 16 accións formativas, trece delas no propio ámbito da IXP e tres visitas temáticas fóra do territorio da IXP.