“A idade media dos viñedos está a diminuír alarmantemente porque se poda mal” Entrevista a Roc Gramona en Campo Galego

Data: 
venres, Febreiro 5, 2021

Entrevista a Roc Gramona, director técnico da Academia de Poda, a primeira institución especializada en formar podadores profesionais de viñedo, unha profesión demandada polo sector, e que resulta clave para lograr viñedos máis lonxevos.

“Os viñedos duran cada vez menos porque se poda mal”

Nas últimas décadas a incidencia das enfermidades da madeira provocou un descenso crecente na vida media dos viñedos, sendo cada vez máis difícil que as plantas alcancen idades lonxevas.

Unhas malas prácticas de poda e a xeneralización do cordón royat, un sistema de condución que mal aplicado incrementa as enfermidades da madeira da vide , están en boa medida detrás desta problemática.

Así o defende Roc Gramona, director técnico da Academia de Poda, o primeiro centro de España que ofrece formación para mellorar a poda do viñedo. En concreto, ofrecen por toda a xeografía española cursos de formación: un inicial de operario de poda e outro de técnico de poda, específico para persoas con certa experiencia.

Ademais, a Academia de Poda ofrece tamén servizos de asesoramento para o enxertado da vide e de poda de respecto.

Falamos con este enólogo e responsable de I+D en Bodegas Gramona do seu interese polo mundo da “poda responsable” do viñedo e de como pode axudar a lograr unha viticultura máis sustentable.

-Como xurdiu o teu interese polo mundo da poda do viñedo?
Son enólogo de formación e onde estudei, en Tarragona, na Facultade de Enoloxía da Universidade Rovira i Virgili, a parte de viticultura tócase pouco. O interese xurdiu na nosa adega familiar, casa Gramona, en Sant Sadurní d´Anoia. O meu pai coñeceu en 2010 a  Marco Simonit e Pierpaolo Sirch, os divulgadores en Italia da coñecida como poda de respecto, para reducir a incidencia das enfermidades da madeira. Viñeron á nosa adega, onde nos impartiron unha asesoría durante 2 anos. Eu nunca podara a vide e tiven a sorte de que me fun formando con eles na poda de respecto. Posteriormente, tamén continuei a formación co máster en poda da Universidade de Bordeus.

Non creo que haxa un único creador de poda de respecto: en España na viticultura tradicional xa se facía desde antigo coa poda en vaso, onde aínda atopamos cepas centenarias en pé franco, ou co sistema de vara e polgar en Xerez. Hai sistemas de poda tradicional que son sustentables posto que respectan os fluxos de savia da planta. En Francia tamén foron pioneiros na recuperación de sistemas de poda que permiten aumentar a lonxevidade das cepas, e neste sentido destacaría a François Dal, divulgador da técnica coñecida como Guyot Poussard. Agora estamos a aprender o que temos desaprendido coa chamada viticultura moderna, podes ver un viñedo vello e o ben que se facían os cortes de poda.

-Es o director técnico da Academia de Poda. Que é e por que decidistes impulsala?
O meu pai en 2010 era presidente de Innovi, o cluster do sector vitivinícola catalann. En 2014 impartíronse unhas xornadas de formación en poda a través do INCAVI, o Instituto Catalán da Viña e o Viño, e espertaron gran interese. Isto levounos a darnos conta de que en España, a diferenza de Italia ou de Francia, non había escolas de poda de viñedo. Da man de  Marco Simonit e Pierpaolo Sirch fomos creando a academia, primeiro a través de cursos entre 2014 e 2017. Esa primeira formación ía orientada a formar persoal cualificado para poda, unha necesidade importante para as adegas.

A partir de 2018 eu encárgome da dirección e tentamos impartir formación fóra de Cataluña, empezando a traballar en Ribera del Duero e en Rioja, e agora xa impartimos tamén formación en boa parte das DO´s de España.

-Que tipo de formación demándavos máis o sector vitivinícola?
Por unha banda, cualificación do persoal temporal para a poda de viñedo. Esa sería a parte principal, pero agora o que máis nos demandan viticultores e adegas é formación para coñecer a poda de respecto.

-Que se demanda hoxe para un bo podador ou enxertador en viñedo? Hai demanda destes postos de traballo?
Hai poucos enxertadores e poucos bos podadores quizais porque se recortou demasiado en custos, o prezo do viño en moitas zonas mantense baixo e cada vez os viticultores e adegas teñen menos contacto cos traballos da viña, de forma que a poda subcontrátase a empresas de servizos agrícolas.

Porén, estamos a ver que a idade media do viñedo está a diminuír alarmantemente, quizais porque se están podando mal e porque se dedica menos tempo á viña, ademais de pola extensión nas últimas décadas do sistema de condución cordón royat, que obriga a realizar periodicamente rebaixes e, por tanto, grandes cortes na cepa.

Para min un bo podador é un bo observador ano tras ano das súas vides e que aplica unha metodoloxía de poda de respecto, coñecendo o que está a provocar na planta cada vez que a poda. Se non investimos en podar mellor os nosos viñedos seguirán deteriorándose cada vez máis, con menos lonxevidade e maior incidencia das enfermidades da madeira.

-Cal sería o país referente para ti en boas prácticas de poda e boa formación dos profesionais e por que motivos?
Destacaría Francia e Italia e iso tamén está relacionado porque son tamén os países con maior prezo medio do viño e onde máis se valora, investindo máis nos labores do viñedo como a poda.

-Que erros comúns detectades que nas prácticas de poda no viñedo español nas últimas décadas?
O erro principal é a mecanización do viñedo e a implantación dun sistema de condución como o cordón, que é un sistema moi limitante a nivel de ramificación. E se non deixas ramificar e crecer algo a planta cada ano debes realizar de forma periódica grandes cortes de rebaixe. O cordón está a prexudicar moito a nivel mundial á viticultura, porque ademais “contaminou” aos outros sistemas de condución, que imitaron a moda de realizar rebaixes e de non deixar madeira de respecto nos cortes de poda, un aspecto estético que considero estúpido como é facer os cortes rasos.

-Desde a Academia de Poda insistides nos principios da poda responsable. Cales son as claves para unha poda que permita ter viñedos máis lonxevos e sans?
O máis importante é permitir a ramificación da planta, permitindo un crecemento anual da vide, sen facer rebaixes de grandes dimensións.

O segundo principio é ordenar os cortes, realizándoos no mesmo lado da planta, de forma que o fluxo de savia sexa limpo e continuo no outro lado.

Outro aspecto crave é realizar cortes de pequenas dimensións: facer cortes de madeira dun ano, respectando a coroa, e como moito en madeira de dous anos.

E por último, deixar madeira de respecto cando podamos, sobre todo cando é madeira de segundo ano, para evitar que a desecación do corte penetre na planta e dificulte o fluxo de savia.

-En canto aos sistemas de condución, Cal sería para ti o máis respectuoso cunha poda responsable?
A nivel de poda curta o mellor é o vaso, pois non tes limitación practicamente de espazo en canto á ramificación da vide. É certo que é menos mecanizable e non se pode vendimiar a máquina, pero si se pode despuntar e realizar os labores agrícolas a máquina sen problema

En sistemas de poda longa destaca o noso autóctono de vara e pulgar, e nos foráneos destacaría o Guyot Poussard, que se respecta o fluxo de savia e permite o crecemento anual da planta.

En canto ao emparrado, non o coñezo moito pero creo que se lle pode aplicar sen problema unha poda de respecto, sen facer rebaixes e deixando ramificación.

-Sen embargo, o vaso dificulta a mecanización do viñedo. Existen vías intermedias que conxuguen poda responsable e mecanización dos labores?
Pódese aplicar un sistema de ramificación en cordón, deixando crecer os pulgares, ou a palmeta, como punto intermedio entre cordón e vaso.

-Estamos nos meses de poda do viñedo. Cales serían os momentos óptimos para podar?
Se hai lúa ascendente e hai exceso de vigor é cando se debe podar. Se pola contra, interésanos que a planta acumule reservas buscariamos podar en lúa descendente.

En canto ao mes, quizais principios de xaneiro sexa o mellor mes, sen buscar temperaturas demasiado frías, pero tampouco esperar a primavera, pois as temperaturas máis elevadas e maior humidade repercuten nunha maior incidencia das enfermidades da madeira, como a esca.

A clave para reducir estas patoloxías é reducir os cortes e o seu tamaño e seguir unhas pautas de hixiene, desinfectando os equipos de poda.

Fonte: www.campogalego.com

Autor da entrevista: DAVID GLEZ. EIREXAS