De todas as denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas de Galicia, a de Ribeiras do Morrazo é a única integramente bañada polo océano.
Oito son os concellos das rías de Pontevedra e Vigo que integran o territorio protexido por este selo de calidade desde xaneiro de 2018, Pontevedra, Poio, Vilaboa, Marín, Bueu, Moaña, Cangas e Redondela. Todos e cada un deles miran ao mar, e a realidade é que a IXP Ribeiras do Morrazo é a única que pode dicir de certo que “SOMOS ATLÁNTICO, SOMOS OCEÁNICOS”.
Numerosos viñedos son os que beben os ventos da brisa mariña, así toda a costa está salpicada de pequenas fincas de cepas na súa maioría antigas, e con variedades segundo zonas, como o caíño tinto na parroquia de Cela, en Bueu, tamén chamado Tinta Femia.
En linguaxe enolóxica isto tradúcese nunha potente nota salina que outorga aos seus viños un maior frescor e faios completamente únicos, como senlleiros e extraordinarios son os viñedos de Donón. Esta é unha paisaxe absolutamente singular que non se dá noutro lugar de Galicia, situada na zona protexida da Rede Natura no Concello de Cangas, as vides nacen directamente de area dunar, unha espesa capa de area de mar arrastrada polo vento que outorga aos acios de uva características únicas. Aquí predomina o albariño, o espadeiro e a treixadura, en cepas baixas soportadas por pedras e madeira.
Cabo Home e Hio, son zonas onde o océano ábrese e é capaz de mostrar toda a súa crueza e beleza, desde as Cíes pódense ver os viñedos que resisten o embate dos ventos oceánicos, que dan a luz viños expresivos, que non deixan indiferentes a ninguén.
A ría de Pontevedra acariña os viñedos do Mosteiro de Poio, onde predominan o albariño e o mencía, que ao amparo das vellas pedras da antiga construción monacal, seguen os seus ciclos produtivos desde tempos ancestrais. Desde o alto do campanario domínase toda a ría, desde Pontevedra ata Bueu co protagonismo da illa de Tambo e as Ons.
A enseada de San Simón, compartida por Vilaboa e Redondela, compórtase máis docemente cos seus viñedos, de brisas mansas, estas achegan un gusto único ao albariño, godello e mencía, predominantes na zona.