Caíño Tinto

Sinonimias

Caíño Redondo (na DO Ribeiro), Cachiño (en Boiro), Tinta Femia (no occidente da provincia de Pontevedra) e Borraçal (Baixa Limia)

Antecedentes

García de los Salmones (1914) cítaa baixo a denominación Cachiño en Boiro. O regulamento da DO Rías Baixas recólleo no ano 1987 como Caíño Tinto. Estudos de filoxenia demostran que deriva de Caíño Bravo (Díaz-Losada et al.,2010).

Situación actual

É unha variedade da IXP Ribeiras do Morrazo. Ademáis é
unha variedade preferente nas DD.OO. Ribeiro, Ribeira Sacra, Rías Baixas, e Valdeorras, e na indicación xeográfica Viño da Terra Barbanza e Iria. A súa distribución é ampla, esténdese dende o Ulla e O Barbanza ata A Guarda, ao longo do río Miño, e ademais está presente na zona occidental da provincia de Ourense e chega ata a Baixa Limia.

Valoracións sobre o seu cultivo

Variedade de brotación e maduración tardía, vigor alto e rendemento medio, presenta sensibilidade de intensidade media ao oídio e ao mildeu. Produce viños afroitados de graduación media (10,6-11%) e acidez elevada (10-7,50 g/L).

Descrición morfolóxica

Pámpano

O pámpano novo presenta a extremidade aberta con peluxe tombada de densidade media e pigmentación reberetada de intensidade débil. A cara dorsal dos entrenós e nós é verde e vermella, mentres que a ventral é verde. As xemas presentan pigmentación antociánica na base de intensidade débil.

Folla Nova

A folla nova é bronceada con peluxe tombada de densidade media.

Folla Adulta

A folla adulta de cor verde media presenta tamaño medio e forma pentagonal, con tres lóbulos; peluda, con densidade media de pelos tombados entre os nervios principais e baixa sobre estes,e con nula ou moi baixa densidade de pelos ergueitos entre e sobre os nervios principais; perfil plano; limbo con avultamento e inchazón débil; presenza de pigmentación antociánica sobre os nervios principais do envés do limbo que alcanza a primeira bifurcación; dentes con lados convexos e rectilíneos, de lonxitude curta en relación á súa anchura; seo peciolar con lóbulos superpostos e a base en forma de V; seos laterais superiores abertos coa base en forma de V; pecíolo lixeiramente máis curto que o nervioprincipal.

Acio

O acio é cilíndrico, curto, estreito e compacidade media e con presenza de 1 ou 2 ás. O pedúnculo é de lonxitude media.

Bago

O bago de cor azul negra presenta forma esférica.

Imaxes: 
Caíño Tinto
Caíño Tinto 2
Fonte:: EVEGA