Antecedentes
Na bibliografía antiga cítase de modo xeral a variedade Caíño, sen precisar en ocasións se se trata de uva branca ou tinta, o que dificulta determinar a súa orixe na rexión. Huetz de Lemps (1967) cítaa como cultivada xa nos anos 1722 e 1786. A súa orixe está relacionada cos cultivares Caíño Bravo e Albariño (Díaz-Losadaet al., 2010, 2011).
Situación actual
É unha variedade da IXP Ribeiras do Morrazo. Ademáis é recoñecida como variedade preferente na DO Rías Baixas.
Valoracións sobre o seu cultivo
Variedade de agromada media ou precoz; maduración media-serodia, próxima á do Albariño, cunha produción media en relación a este; sensibilidade alta ao mildeu e media a oídio e botrite. Produce viños de alta graduación alcohólica (13, 25%v/v), alta acidez (10,95 g/L) e baixo pH (3,01), estruturados, con corpo, e con certa aresta ácida, cunha alta intensidade aromática, con aromas primarios intensos a froitas de pebida, mazá, a flores, rosa. Emprégase para viños do ano monovarietais ou en mestura con outras castes. Aguanta ben a crianza en barrica e en botella.
Descrición morfolóxica
Pámpano
O pámpano novo presenta a extremidade aberta con peluxe tombada de densidade alta e pigmentación reberetada de intensidade forte. A cara dorsal e ventral dos nós é verde, así como a cara ventral do entrenó, mentres que a dorsal é verde e vermella. As xemas presentan pigmentación antociánica na base da bráctea e de intensidade débil.
Folla Nova
A folla nova é verde con peluxe tombada de densidade alta.
Folla Adulta
A folla adulta de cor verde media presenta tamaño pequeno e forma pentagonal, con 3 lóbulos; peluda, con densidade media de pelos tombados entre os nervios principais, baixa sobre os nervios principais; perfil plano; limbo con avultamento débil e inchazón nulo ou moi débil; presenza de pigmentación antociánica sobre os nervios principais da face e envés do limbo que alcanza a segunda bifurcación; dentes con lados convexos, de lonxitude curta en relación á súa anchura; seo peciolar con lóbulos semiabertos e a base en forma de U; seos laterais superiores abertos coa base en forma de V; pecíolo lixeiramente máis curto que o nervio principal.
Acio
O acio é cónico, curto, estreito, de compacidade media a solta e con presenza de 1 ou 2 ás. O pedúnculo é de lonxitude media.
Bago
O bago de cor verde amarela presenta forma esférica a elíptica curta.