Ribeiras do Morrazo participará nas actividades e eventos dos viños das IXP de Galicia programados para 2022

Data: 
venres, Febreiro 25, 2022

Despois da posta en marcha do proxecto de cooperación "Dinamización e promoción das IXP de viños de Galicia" a finais de 2021 baixo o lema «Viños das IXP de Galicia, viños que falan de nós» nunha xornada de presentación no Pazo da Cultura de Pontevedra e nun encontro que xuntou viticultores e responsables políticos comprometidos co apoio aos valores diferenciais destes e ao modelo de sustentabilidade económica e social que supón a súa produción, este ano 2022 estará cheo de citas onde seguir coñecendo todo o que os viños das IXP de Galicia teñen que dicir sobre o seu carácter, a súa calidade, a súa diversidade e os beneficios que teñen para os territorios onde se producen.

Se ese fondo vínculo co territorio é unha das principais características dos nosos viños, as actividades estarán tamén repartidas atendendo á diversidade de lugares onde se producen. Isto será unha estupenda oportunidade para coñecer catro zonas xeográficas de grande potencial enoturístico e gastronómico. Así, realizaranse Xornadas Túneles do viño nas área de BetanzosTerra de Barbanza e IriaVal do Miño-Ourense e Morrazo en coordinación cos diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural que participan no proxecto: Pontevedra-MorrazoEururalDELOAMariñas-BetanzosADERCOU e Salnés-Ulla-Umia, que están traballando actualmente en cooperación cos axentes locais no deseño das actividades para facelas participativas e transversais.

 

                     Imaxe dunha xuntanza de coordinación na IXP Barbanza e Iria

Imaxe da xuntanza na IXP Terra de Barbanza-Iria

Xornadas e Túneles de Viño

As Xornadas terán un carácter dinamizador e divulgativo. A través destes encontros, abordaranse retos de futuro para o sector como a dinamización da viticultura e a procura dunha mellor percepción social e coñecemento das IXP, dos seus viños e dos territorios. Cada xornada estará centrada nun aspecto de interese: o asociacionismo e cooperación entre os produtores de viños con IXP de Galicia, a viticultura como elemento dinamizador do rural e de loita contra o despoboamento, a regulación da calidade alimentaria e a súa protección diferencial, así como a situación actual e perspectivas de futuro (tendencias no consumo de viños, melloras organolépticas, innovación…).

Os Túneles do Viño serán os espazos de exposición e degustación das marcas que se producen baixo as catro indicacións, a través de catas nas que poderán participar tanto profesionais como público xeral interesado en coñecer os produtos naturais e de calidade certificada. 

As persoas interesadas en asistir aos diferentes eventos irán atopando a información práctica de axenda e inscrición na sección de novas da nosa web ou as nosas redes sociais (Facebook e Instagram).

Ademais, a nosa web seguirá crecendo como espazo de divulgación de información sobre cada unha das IXP de viño de Galicia, das adegas que participan no proxecto e as marcas que comercializan, así como catálogo de recursos enoturísticos gastronómicos. 

Presenza en Revera Vinum e FENAVIN

Os viños con IXP contarán cun espazo propio en Revera Vinum, I Encontro do Viño Galego que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 22 e o 24 de marzo no Hotel Monumento San Francisco. Revera Vinum, impulsado pola Asociación Hostalaría Compostela, pretende dar a coñecer, promover e difundir os viños galegos entre os profesionais do sector, a poboación local e os turistas que visitan Santiago de Compostela no contexto do Xacobeo 21-22. Ademais dun espazo de exposición onde varias adegas amosarán as súas marcas, o encontro contará con ponencias, mesas de debate e catas impartidas por algúns dos máis coñecidos sumilleres, enólogos e catadores galegos e do resto de España, como Xurxo Alba, Paula Fandiño, Rafael Palacios, Luis e Alejandro Paadín, Alberto Varela ou Salomé Beiroa.
 

 

Varias das nosas adegas estarán presentes tamén en FENAVIN (Ciudad Real, 12-14 de maio), a feira de viños de referencia en España. As adegas asistirán de forma conxunta baixo a marca Viños das IXP de Galicia xunto coas Denominacións de orixe de viño e as IXP de licores tradicionais, a través dun espazo conxunto baixo a marca Galicia á que dará soporte a Consellería do Medio Rural.