Presentación do proxecto de cooperación para a dinamización dos Viños das IXP de Galicia

Data: 
venres, Novembro 12, 2021

O pasado 4 de novembro presentouse o proxecto de cooperación entre as IXP de Galicia nun acto no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Da man do alcalde de Pontevedra e presidente do GDR Pontevedra Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores; Moisés Blanco, subdirector de la Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e José María Tobío xerente do GDR Pontevedra Morrazo, foi presentado este ambicioso proxecto de cooperación co obxectivo de unir esforzos na visibilidade das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Viño de Galicia: Val do Miño-OurenseTerra de Betanzos, Terra de Barbanza e Iria e Ribeiras de Morrazo.

 

«As IXP do viño son unha alternativa necesaria porque en moitas comarcas produtoras de viño non tiñan posibilidades comerciais» subliñou o alcalde de Pontevedra, explicou que estas zoas teñen moito potencial para seguir crecendo e, por iso, a importancia de que agora únanse para darse a coñecer. «Os viños das IXP son de moita calidade. É importante ese traballo de cooperación que van facer xunto con seis GDR de Galicia», añadió Moisés Blanco, subdirector de Agader. José María Tobío, xerente do GDR de Pontevedra-Morrazo e coordinador do proxecto, presentou os obxectivos do mesmo: dinamizar aos operadores e establecer canles de colaboración entre as catro IXP vitícolas de Galicia; contribuír a consolidar e/ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, así como a formación en proxección e comercialización.

“Viños que falan de nós”, é o lema deste proxecto, no que están involucrados seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e 15 adegas das 4 Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de viños de Galicia, que xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuros.

Entre as accións previstas no proxecto está a celebración de xornadas de dinamización e Túneles do Viño ligados a cada un dos GDR. As xornadas perseguirán a dinamización, divulgación e animación interna, abordando retos de futuro, a dinamización da viticultura e a procura dunha mellor percepción social e coñecemento das IXP, dos seus viños e dos territorios.

Os Túneles do Viño son outra das actividades contempladas no proxecto. Parellas ás xornadas, realizaranse no territorio de cada unha das IXP de viño galegas e funcionarán como espazo de mostra, promoción e degustación de todas as referencias de viño amparadas baixo o selo das IXP. Realizaranse varias catas ao longo do día co obxectivo de facilitar a participación de diferentes perfís sociais: institucional, canle HORECA, sector vitivinícola e outros axentes.

Ademais, co obxectivo de impulsar o potencial enoturístico das comarcas que inclúen as IXPs, traballarase tamén na identificación dos elementos, contidos e actividades de interese enoturístico, creando unha rede de establecementos colaboradores coas IXP a partires dun receitario de menús enogastronómicos. Complétase esta acción coa elaboración dun documento-guía de adaptación das adegas ao enoturismo que lles permita aos operadores das IXP crear e mellorar nas súas instalacións zonas de exposición de viños, cata ou degustación.

O primeiro do túneles do viño será en Pontevedra:

Ven descubrir os viños que falan de nós. Aberta a inscrición para as catas abertas ao público do Túnel do viño na IXP Ribeiras do Morrazo. Unha oportunidade para coñecer e degustar os viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.

📆 Sábado 20 de novembro ás 18.30 na sede do GDR Pontevedra-Morrazo (Lugar Os Campos, 19, Mourente, Pontevedra)

😉 Inscrición gratuíta

⚠ Prazas limitadas

✉️ Inscríbete no correo info@vinos.ixp.gal

☎️ ou no teléfono 685 722 084.

ℹ Máis información en http://vinos.ixp.gal/.../ven-degustar-os-vinos-que-falan...