O GDR Pontevedra Morrazo organiza en Bueu unha xornada sobre “sistemas alternativos de cultivo na viticultura” na que se abordará a problemática do cultivo sustentable da viña, e como mellorar a saúde dos solos, para lograr mellores rendementos vitícolas, tanto en cantidade como en calidade. O evento terá lugar o día 1 de setembro ás 18:30h, no Centro Social do Mar en Bueu.
A xornada, que se enmarca dentro do proceso de dinamización que o GDR Pontevedra-Morrazo está a realizar na IXP Ribeiras do Morrazo, pretende contribuír a desenvolver as potencialidades da viticultura no territorio da IXP, e de xeito especial no Concello de Bueu, procurando a formación en aspectos de índole técnica e experimental que melloren os coñecementos e capacitación profesional do sector e de pequenos produtores, e a promoción de sistemas produtivos máis respectuosos co medio ambiente.
O acto arrancará cunha conferencia a cargo de José Manuel García Queijeiro, biólogo, experto en viticultura, profesor e investigador do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do solo da Universidade de Vigo, cunha longa traxectoria no estudo e manexo dos solos dos viñedos galegos. Seguirá unha mesa redonda con produtores, moderada por Carme Freire Cruces, labrega, formadora e recoñecida divulgadora, na que participarán representantes de tres adegas para dar a coñecer a súas experiencias na procura dun cultivo máis respectuoso co medio ambiente: Antonio Méndez Rodríguez, de Señorío de Rubiós (D.O. Rías Baixas); Antonio Alfonso Volvoreta, de Finca Volvoreta (Premio Nacional de Biodiversidade) e Manuel Primitivo Lareu López de Adegas e Viñedos Lareu (D.O. Ribeira Sacra). A sesión rematará cun debate aberto a tódolos asistentes.