O GDR explora as alternativas para poñer en valor a viticultura de Cela dentro da IXP Ribeiras do Morrazo

O GDR explora as alternativas para poñer en valor a viticultura de Cela dentro da IXP Ribeiras do Morrazo
Data: 
venres, Agosto 13, 2021

O GDR Pontevedra Morrazo en colaboración coa Asociación de viticultores San Martín de Bueu ven de celebrar unha charla-coloquio para dar a coñecer o proxecto de posta en valor dos recursos vitivinícolas do concello de Bueu dentro da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo

A charla, na que interviñeron o xerente do GDR, José María Tobío; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o Presidente da Asociación de Viticultores de San Martiño de Bueu, Fernando García Cendón; o enólogo Roberto Regal, o economista Tito Iglesias e o técnico Andrés Reboreda, foi o punto de partida dun proxecto que ten como principal obxectivo a ampliación da base territorial e dinamización do sector vitivinícola da IXP Ribeiras do Morrazo para poñer en valor os viñedos de tinta femia, así como outras castes autóctonas, localizados no concello de Bueu e maioritariamente na parroquia de Cela.

Lembremos que o GDR Pontevedra Morrazo xunto con outras entidades do territorio, impulsaron a creación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Ribeiras do Morrazo” para amparar os viños elaborados nos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela. Este distintivo de calidade para os viños do Morrazo foi aprobado pola Comisión Europea o 9 de xaneiro de 2018.

Segundo o Rexistro Vitícola de Galicia, no territorio da IXP Ribeiras do Morrazo, están inscritas preto de 75.000 parcelas, que suman 2.340 hectáreas, pertencentes a 25.414 viticultoras e viticultores. Sen embargo, actualmente so cinco adegas (situadas nos concellos de Marín, Poio, Redondela, Vilaboa e Cangas) e 15 viticultores con 6,91 ha de superficie en produción, están a elaborar viños certificados baixo esta figura.

Polo tanto,  en xeral nos concellos do territorio, e de xeito especial en Bueu a  Indicación Xeográfica Protexida ten un enorme potencial de crecemento.

Dada a forte tradición e recoñecemento que teñen os viños de Cela, o GDR considera prioritario explorar a viabilidade das diferentes alternativas para aproveitar e poñer en valor as castes e os viñedos da zona, evitar o arranque ou abandono dos mesmos, e impulsar o aumento da superficie en produción certificada dentro da citada Indicación Xeográfica Protexida, contribuíndo así ao desenvolvemento ambiental, económico, social da zona.

Na xuntanza, na que participaron viticultores e operadores da zona, abordouse a problemática da produción, elaboración dos viños, os obxectivos etc. do proxecto para posteriormente analizar e establecer alternativas para a comercialización posta en valor dos viños dentro da IXP.