Novas axudas da Xunta de Galicia en investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Data: 
mércores, Xaneiro 13, 2021

A Xunta de Galicia acaba de publicar no DOG do 12 de xaneiro as axudas a investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. Estas axudas están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e convócanse para o exercicio orzamentario de 2021.

A dotación das axudas cífrase en 3.650.000 euros. e o prazo para a solicitude remata o vindeiro venres 29 de xaneiro.

Así, poderán beneficiarse destas achegas as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores e as organizacións interprofesionais. Serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto, así como a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

Os principais obxectivos desta convocatoria son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sostibles desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables e a valorización e tratamento dos residuos.

Preténdese, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outras finalidades pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.

Enlace ás axudas: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210112/AnuncioG0426-231220-0...