O cooperativismo é unha das respostas ao crecemento da IXP Ribeiras do Morrazo, e Agaca pon en marcha unha nova formación co obxectivo de xerar emprego e profesionalizar a xestión destas agrupacións.
Fonte: Redacción Somos Agro
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) ven de poñer en marcha o programa formativo de Apoio á Función Xerencial en Cooperativas Agroalimentarias, que ten dous focos de interese. Por unha banda, diríxese a persoas con titulacións de grao medio ou superior que se atopen en situación de desemprego e busquen mellorar a súa capacitación para ocupar postos de xerencia empresarial e, por outro, a cooperativas que, ou ben non contan coa figura de xerente ou ben buscan apoio á súa función xerencial.
A formación para o alumnado comeza cun curso teórico e continúa con prácticas presenciais nunha cooperativa agroalimentaria durante 6 meses (a razón de 25 horas semanais). Aí experimentará o labor xerencial dunha cooperativa no seu conxunto.
Para fortalecer a creación de equipos de traballo nas entidades e conseguir maior eficiencia nas prácticas, AGACA desenvolverá un proceso de coaching tanto para as cooperativas como para o alumnado. O obxectivo final do programa é mellorar a empregabilidade das persoas participantes.
As persoas interesadas en tomar parte no programa formativo e as cooperativas interesadas en recibir alumnado en prácticas poden informarse en www.agaca.coop, no teléfono 981 58 47 83 ou no correo electrónico loli@agaca.coop. Os procesos de selección realizarase en maio.