Nova convocatoria de axudas para a reestruturación e reconversión da viña (2019-2023)

Data: 
xoves, Abril 15, 2021

As operacións de reestruturación e reconversión de viñedos teñen como finalidade aumentar a competitividade das producións vitivinícolas

Publicadas as axudas para a reestructuración e reconversión da viña para este ano 2021, o prazo de solicitude remata o vindeiro 30 de abril. A reestruturación e reconversión da viña é unha das medidas acordadas na Política Agrícola Común (PAC), dentro da Organización Común dos Mercados (OCM única), no marco da aplicación do programa de apoio 2019-2023 ao sector vitivinícola español, que a Consellería do Medio Rural desenvolve ao nivel autonómico, este ano, mediante a Orde do 24 de marzo de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2021 (DOG núm. 60, do 30/03/2021).

O obxecto destas axudas é regular á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e realizar a súa convocatoria para 2021, en réxime de concorrencia competitiva.O apoio para esta medida aplicarase ás viñas de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación, cuxas persoas viticultoras non contradigan a normativa vixente en materia de plantacións para calquera das superficies de viña das súas explotacións.<

Esta medida de reestruturación e reconversión das viñas levarase a cabo a través de solicitudes que poderán presentarse de forma colectiva (mínimo de 5 persoas viticultoras) e/ou individuais, sendo prioritarias os colectivos, ademais doutros criterios de prioridade.

Poderán subvencionarse unha ou varias das seguintes actuacións:

  • reimplantación de viñas
  • reconversión varietal
  • mellora das técnicas de xestión de viñas

As solicitudes poderán conter operacións anuais e/ou bianuais, con ou sen anticipo.

As persoas viticultoras que destinen a súa produción de uva para vinificación e así mesmo as futuras viticultoras. Non se subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal das viñas que chegaran ao final do seu ciclo natural, entendida como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade de uva de vinificación e segundo o mesmo método de cultivo.

Ligazón á convocatoria: https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/explotacions/vine...

Ligazón á orde: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210330/AnuncioG0426-240321-0...