
A IXP Ribeiras do Morrazo está de celebración! O viño "Raigames", elaborado por Bodegas Costas de Exportación, acaba de recibir o prestixioso Gran Ouro en Vinespaña 2025, o máximo recoñecemento neste certame nacional. Un premio que non só distingue a excelencia deste viño, senón que tamén reafirma a calidade e autenticidade dos viños que levan o selo da nosa Indicación Xeográfica Protexida.
Ademais, "Os Areeiros" de Vilaboa, logo de conseguir en 2024 un merecido Gran Ouro, tamén acadou unha Medalla de Prata, cun albariño, colleita 2023.
O concurso Vinespaña, organizado pola Asociación Española de Enólogos, é unha das competicións máis importantes do panorama vitivinícola estatal. Os viños participantes sométense a un rigoroso proceso de cata a cegas, no que expertos de prestixio avalían aspectos como a cor, o aroma, a estrutura e o sabor.
Un logro que nos impulsa a seguir medrando
Estes premios son un recoñecemento ao traballo de Bodegas Costas e da adega Os Areeiros, pero tamén ao de todas as adegas da nosa IXP que, día tras día, manteñen vivo o legado vitivinícola da comarca. En cada botella hai moito máis que viño: hai historia, tradición e unha paixón compartida polo noso territorio.