05-09-2020

Responsabilidade social

Unha vitivinicultura socialmente responsable deberá manter un equilibrio entre a dimensión económica, social e ambiental da súa actividade, promovendo un crecemento económico respectuoso co medio ambiente, coa saúde e coa equidade e o benestar social. Para isto, débense empregar e poñer en valor os recursos endóxenos do territorio, sen comprometer o seu uso e desfrute para as xeracións futuras.
Falar deste modelo de viticultura, implica que sexamos conscientes do alcance e repercusión que ten esta actividade para o territorio, para as persoas que habitan no mesmo e as consumidoras. Máis de 2.000 hectáreas de viñedos, e máis de 25.000 titulares de parcelas, segundo o rexistro vitícola, conforman unha fotografía da transcendencia social ou económica que pode ter esta actividade na zona costeira. Malia todo, son datos numéricos, que en determinados casos distan moito da realidade social do sector. Podemos establecer dous marcos de actuación para traballar dunha maneira responsable e comprometida co medio: actuar de maneira individualizada e de maneira colectiva. Cómpre indicar que a situación ou impacto sobre o medio ambiente de cada adega ou persoa viticultora é diferente, se ben existen moitas actuacións que poden, ou deben, facerse de maneira conxunta, para incrementar os seus beneficios e minimizar os seus riscos. Neste sentido, resulta de grande importancia o feito de xerar unha conciencia da necesidade colectiva de reforzar o benestar social, identificar os riscos ambientais e minimizar os impactos negativos sobre a contorna e maximizar os positivos.
Precísase identificar e definir os impactos ambientais que poda causar a actividade vitícola sobre o medio, tentando definir propostas de corrección ou mitigación deses danos. En certa medida as propostas de boas prácticas, que se recollen nesta guía, tamén alíñanse cos obxectivos en materia da responsabilidade social.
Outro aspecto a ter en conta é que malia ao apoio que se poida ter das administracións públicas, resulta tamén importante reforzar o contacto co tecido de entidades sociais, que dalgún xeito se asocian a este ámbito; falamos de entidades ambientalistas, conservacionistas, de defensa do patrimonio, sectoriais, ou incluso veciñais,…. Esta aposta pola colaboración, redundará nunha mellora das actuacións, que dalgún xeito se podan promover. Esta cultura, de base comunitaria, reverterá en beneficios para a persoa produtora, pero tamén para a consumidora final.
En relación aos efectos que se poden producir no ámbito ambiental é necesario coñecer, asumir e respectar a lexislación e normativa medioambiental nos diferentes niveis territoriais (local, autonómico, estatal, europeo e internacional), co obxectivo de apostar por  un modelo de desenvolvemento integrado da viticultura, nesta zona atlántica. A competencia en materia ambiental está transferida á comunidade autónoma de Galicia, polo que contamos con diferentes organismos , que poderán informarnos e asesorarnos.
Ter en conta o contexto e a situación xeográfica da área de influencia da IXP é un dos primeiros pasos a dar na reflexión sobre a responsabilidade que temos co medio ambiente, e por tanto, co benestar das persoas. Neste sentido falamos dunha zona, de alta presión demográfica, que agrupa de maneira importante dúas comarcas, a de Pontevedra e o Morrazo, e parcialmente, a de Vigo. Adicar terreo a labores coma a viticultura, inflúe directamente, tanto a nivel urbanístico, de infraestruturas, e como non, na paisaxe da zona. Esta actividade xera externalidades positivas contribuíndo ao mantemento da estrutura produtiva do territorio.