Antecedentes
García de los Salmones (1914) cítaa como cultivada na localidade de Castrelo de Miño (Ribadavia-Ourense). No Catastro Vitícola de 1983 cítase como cultivada na DO Ribeiro e na provincia da Coruña.
Situación actual
É unha variedade da IXP Ribeiras do Morrazo. Ademáis é recoñecida como variedade preferente nas DD.OO. Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, e como autorizadanas na DO Rías Baixas. Tamén é contemplada para a elaboración de viños nas indicacións xeográficas Viño da Terra Barbanza e Iria e Val do Miño.
Valoracións sobre o seu cultivo
Variedade de brotación e maduración media, presenta sensibilidade moderada ao mildeu e ao oídio e é moi sensible á botrite. Obtivéronse viños con graduacións entre 12,3-9,7% e acidez de6,8 a 4,1 g/L.
Descrición morfolóxica
Pámpano
O pámpano novo presenta a extremidade aberta con peluxe tombada de densidade baixa, sen pigmentación antociánica ou con presenza de pigmentación reberetada de intensidade moi débil. A cara dorsal e ventral dos entrenós e nós é verde. As xemas non presentan pigmentación antociánica.
Folla Nova
A folla nova é verde con peluxe tombada de densidade alta.
Folla Adulta
A folla adulta de cor verde media presenta tamaño medio e forma pentagonal, con sete lóbulos; peluda, con densidade media de pelos tombados entre os nervios principais e baixa sobre os nervios principais do envés do limbo; perfil plano; limbo con avultamento e inchazón débil; dentes con lados rectilíneos, de lonxitude media en relación á súa anchura; seo peciolar e seos laterais superiores con lóbulos lixeiramente superpostos e coa base en forma de chave; pecíolo lixeiramente máis curto que o nervio principal.
Acio
O acio é cónico, longo, de anchura media, compacidade solta e con presenza de 1 ou 2 ás. O pedúnculo é de lonxitude curta.
Bago
O bago de cor verde amarela presenta forma elíptica curta.