Godello

Sinonimias

Verdello, Cumbrao

Antecedentes

García de los Salmones (1914) cítaa nas provincias de Lugo e Ourense. No Catastro Vitícola de 1983 indícase como cultivada na provincia de Lugo, no Ribeiro e en Valdeorras.

Situación actual

É unha variedade da IXP Ribeiras do Morrazo. Ademais é recoñecida como variedade preferente nas DD.OO. Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, e é considerada coa categoría de autorizadana DO Rías Baixas; tamén está admitida nas indicacións xeográficas Viño da Terra Barbanzae Iria, Betanzos e Val do Miño.

Valoracións sobre o seu cultivo

Variedade de ciclo curto de agromada é maduración temperás; elevado vigor e produción alta en relación ao Albariño; sensibilidade alta á botrite e media ao mildeu e ao oídio. Bagos moi sensibles ao golpe de sol. Produce viños de graduación media (entre 11,5 e 13%v/v dependendo da zona de cultivo), acidez media-alta (5,5-7 g/L) e pH baixo (2,9-3,4). Os viños presentan unha potencialidade aromática alta, con aromas froiteiros a pera, mazá, e con matices vexetais a feno e a buxo. En boca é potente, amplo e persistente cun final amargo característico desta variedade. É axeitada para viños do ano e atura perfectamente a crianza tanto en barrica como en botella.

Descrición morfolóxica

Pámpano

O pámpano novo presenta a extremidade aberta con peluxe tombada de densidade media-baixa e pigmentación reberetada de intensidade media. A cara dorsal dos entrenós e nós é verde e vermella, mentres que a ventral é verde. As xemas non presentan pigmentación antociánica.

Folla Nova

A folla nova é verde con peluxe tombada dedensidade baixa.

Folla Adulta

A folla adulta de cor verde media presenta tamaño medio e forma pentagonal, con cinco lóbulos; peluda, con densidade baixa de pelos tombados e media-alta de pelos ergueitos, entre os nervios principais do envés do limbo; perfil plano; limbo con avultamentoe inchazon débil; dentes con lados convexos, de lonxitude media en relación á súa anchura; seopeciolar con lóbulos semiabertos e coa base en forma de chave; seos laterais superiores abertos coa base en forma de chave ou U; pecíolo lixeiramente máis curto que o nervio principal.

Acio

O acio é cónico, de lonxitude, anchura e compacidade media e con presenza de 1 ou 2 ás.O pedúnculo é de lonxitude moi curta.

Bago

O bago de cor verde amarela presenta forma elíptica curta.

 

Imaxes: 
Godello 1
Godello 2
Fonte:: EVEGA