A Ruta dos Viños Oceánicos consolida a aposta de Ribeiras do Morrazo polo enoturismo

Data: 
domingo, Xullo 5, 2026

O novo itinerario convida a descubrir a identidade vitivinícola do territorio a través da paisaxe, da cultura, do patrimonio e das súas adegas.

O Mosteiro de Poio acolleu este venres a presentación oficial da Ruta dos Viños Oceánicos, o novo itinerario enoturístico da IXP Ribeiras do Morrazo, nunha xornada que reuniu a unha ampla representación de profesionais dos sectores vitivinícola, turístico e hostaleiro, representantes institucionais, adegas e público interesado en descubrir unha nova maneira de achegarse ao territorio.

A Ruta dos Viños Oceánicos nace para poñer en valor a singular identidade vitivinícola de Ribeiras do Morrazo, profundamente ligada ao Atlántico, á paisaxe costeira, ao patrimonio e ás tradicións que marcaron a historia desta comarca. Trátase dun percorrido que convida a descubrir o territorio a través dos seus viños e das persoas que os elaboran, convertendo o enoturismo nunha experiencia auténtica e diferencial.

Durante o acto institucional, Rocío Cochón, concelleira de Urbanismo e Turismo do Concello de Poio; Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas; e Romina Fernández, directora de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, destacaron o valor do enoturismo como unha oportunidade para fortalecer a identidade do territorio, dinamizar a economía local e dar a coñecer a calidade dos viños da IXP Ribeiras do Morrazo.

Pola súa banda, o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo e coordinador do proxecto, José María Tobío, puxo en valor a cooperación entre territorios e adegas como ferramenta para construír unha oferta enoturística sólida e diferenciada arredor do viño, da cultura, da gastronomía e da paisaxe.

A presentación técnica da ruta correu a cargo do antropólogo Rafael Quintía, que deu a coñecer un itinerario pensado para descubrir a estreita relación entre o Atlántico e a cultura vitivinícola do Morrazo. A sesión completouse cunha cata comentada dirixida por Luis Paadín, na que as persoas asistentes puideron degustar unha selección de viños da IXP Ribeiras do Morrazo maridados con produtos locais.

Un percorrido polo corazón vitivinícola do Morrazo

Pola tarde, as persoas participantes realizaron unha visita guiada por parte dos recursos que integran a ruta, comezando polo histórico lagar e os viñedos do Mosteiro de Poio. O percorrido continuou por Cela (Bueu), berce da variedade autóctona Tinta Femia, e por algúns dos espazos máis emblemáticos da península do Morrazo, como O Hío e a Costa da Vela, onde a paisaxe, a historia e a tradición vitivinícola conforman unha identidade única.

A xornada concluíu cunha nova cata comentada aberta ao público xeral, consolidando unha proposta que combina coñecemento, experiencia e contacto directo co territorio.

Ao longo de toda a xornada, as seis adegas que integran actualmente a IXP Ribeiras do Morrazo —Bodegas Costas de Exportación, Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios Monasterio de Poio, Reboraina e Videiras no Mar— contaron cun espazo expositivo no que presentaron os seus proxectos e os viños que elaboran, permitindo ás persoas asistentes coñecer de primeira man a riqueza e diversidade desta indicación xeográfica.

A Ruta dos Viños Oceánicos forma parte das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural participantes en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, que ten como obxectivo converter o viño nunha porta de entrada para descubrir a paisaxe, o patrimonio, a gastronomía e a identidade dos cinco territorios vitivinícolas que integran a iniciativa.