
O Mosteiro de Poio acollerá o vindeiro 3 de xullo unha xornada aberta para descubrir a identidade vitivinícola, paisaxística e cultural da IXP Ribeiras do Morrazo
O Mosteiro de Poio será o escenario, o vindeiro venres 3 de xullo, dunha nova cita das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación que promove unha forma diferente de descubrir Galicia a través dos seus viños, da súa gastronomía, da súa paisaxe e da súa cultura.
Nesta ocasión, a protagonista será a IXP Ribeiras do Morrazo, coa presentación da súa Ruta dos Viños Oceánicos, un itinerario que pon en valor a singular relación entre o mar, a viticultura e a identidade dun territorio fortemente marcado pola influencia do Atlántico.
A xornada desenvolverase en dúas sesións complementarias. Pola mañá, entre as 12:00 e as 14:00 horas, terá lugar o acto institucional de presentación da ruta, dirixido a representantes institucionais, concellos, adegas, profesionais do sector turístico e hostaleiro, prescritores e outros axentes vinculados ao desenvolvemento do territorio. A continuación celebrarase unha cata comentada dos viños da IXP Ribeiras do Morrazo a cargo de Luis Paadín, unha oportunidade para coñecer de primeira man as características e singularidades dos viños deste territorio.
Xa pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, a programación abrirase ao público xeral coa presentación do itinerario enoturístico, seguida dunha visita guiada por parte dos recursos integrados na ruta e dunha nova cata comentada dos viños da IXP.
A Ruta dos Viños Oceánicos forma parte das cinco propostas que integran as Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha iniciativa que conecta as IXP Barbanza e Iria, Val do Miño-Ourense, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia baixo unha marca común que promove o coñecemento do territorio a través da cultura do viño.
A participación nas actividades é gratuíta, previa inscrición, que pode realizarse a través da páxina web viños.ixp.gal, onde tamén está dispoñible información sobre os distintos itinerarios e o calendario completo de xornadas.
O proxecto está promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas, os viticultores e outros axentes dos cinco territorios participantes.
A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027 e conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).