Tramo Moaña

Tramo Moaña

MOAÑA

As orixes

De Cangas continuamos o noso percorrido pola costa cara a Moaña seguindo a estrada PO-551, alternativa moderna ao vello Camiño Real do Morrazo, que unía Cangas e Moaña, e que nos últimos anos se está recuperando como vía cicloturista. Para coñecer a historia do Morrazo e a esencia de Moaña é obrigado achegarse á parroquia de San Martiño pois foi, precisamente aquí, onde naceu orixinariamente Moaña.

A primeira referencia escrita que temos ao topónimo Morrazo aparece nun documento do ano 572 no que se cita o termo Morracio. Uns 400 anos máis tarde fúndase, no que hoxe é o concello de Bueu o mosteiro bieito de Ermelo, ao que os veciños do Morrazo doan gran cantidade de terreos. Os monxes abren camiños que baixan dende Ermelo a San Martiño por Pouso das Cruces e a Paralaia para accederes ás súas novas propiedades. Ademais, o mosteiro de Ermelo afora terras en San Martiño de Moaña a condición de que se planten viñas, promovendo así o cultivo da vide na parroquia que daría orixe a Moaña.

Alén da importancia histórica de San Martiño na súa relación co mosteiro de Ermelo e o cultivo do viño no Morrazo, o templo románico destaca tamén pola súa decoración e valiosos canzorros. É nunha desta esculturas que adobían os aleiros do tellado onde podemos contemplar a representación dun home bebendo dunha pipa de viño. Cómpre tamén deterse a coñecer esta vila mariñeira da ría de Vigo. Unha ría que, como outras zonas da nosa costa, sufriu ao longo da súa historia os saqueos de corsarios ingleses, piratas berberiscos e as vagas de ataques viquingos. Estas conexións históricas levaron ao ilustre antropólogo sueco Steffan Mörling a estudar no Morrazo as similitudes construtivas entre a dorna galega e as embarcacións viquingas. Cada ano Moaña convértese nunha das mecas da música folk en Galicia coa celebración do histórico Festival Intercéltico do Morrazo.

Outro bo xeito de achegarse ao pasado histórico de Moaña é visitar o castro de Montealegre ou o magnífico dolmen de Chan da Arquiña, situado na importante área de lecer do monte Xaxán, espazo dotada de mesas, grellas e fontes. Un lugar ideal para pasar o día ou á tarde á sombra dun magnífico souto.

Máis información

 

 

Ruta: