BUEU
Mariñeiros, monxes viticultores e furanchos
De Ardán a Cela estamos no territorio da uva Tinta Femia, como se lle coñece nesta zona ao caíño tinto. A fama dos tintos de Cela xa vén de antigo, así como a dos brancos do Hío. Cela é viñedos explotados de xeito tradicional, xeración tras xeración, producións pequenas e familiares para o consumo local na casa e en tabernas e furanchos que conservan antigos lagares de pedra. Aquí faise cada ano a Festa do Tinta Femia, para honrar estes viños e manter viva a tradición vitivinícola propia de Cela. Ata os retablos da súa igrexa de Santa María están decorados con barrocas columnas salomónicas de dourados acios de uvas. O adro da igrexa de Santa María de Cela ofrece, sobre Bueu, unha das vistas máis fermosas da ría de Pontevedra que se podan albiscar.
Bueu é unha fermosa vila mariñeira que ben merece un paseo polo seu porto, unha visita á lonxa de pescado, á restaurada carpintería de ribeira na Banda do río e un baño nalgunha das súas numerosas praias (Lapamán, Porto Maior, Agrelo, Petís, Mourisca, Lagos, Tulla...), ademais da súa oferta gastronómica, que nunca podemos perder de vista.
A visita ao Museo Massó é imprescindible para coñecer a tradición mariñeira destas terras, así como a historia da caza tradicional de baleas e dos antigos portos baleeiros do Morrazo. Non hai mellor xeito de achegarse ao carácter destes viños que coñecer o carácter mariñeiro das terras que o producen.