22-02-2021

Guía para identificar as enfermidades da madeira en viñedo

Un estudo realizado dun xeito conxunto entre a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA-AGACAL), e o Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino (ICVV) de La Rioja determina as enfermidades da madeira en viñedo.

Actualmente, as que presentan unha maior incidencia en planta nova en España son a enfermidade de Petri, o pé negro da vide e o esmorecemento por Botryosphaeria. Esta última enfermidade tamén pode afectar a vides adultas, xunto coa esca e a eutipiose (figura 1).

Enfermidade de Petri:

Os síntomas en campo da enfermidade de Petri e o pé negro son difíciles de distinguir e poden confundirse con síntomas causados por factores abióticos como xeadas ou déficit hídrico, ou outros factores bióticos como o ataque por nematodos. Nos primeiros anos tras a plantación obsérvase atraso na brotación, escaso desenvolvemento, achaparramento, entrenós curtos, clorosis e amarelamento.

A enfermidade de Petri está causada por fungos pertencentes ao xénero Phaeoacremonium, e as especies Phaeomoniella chlamydospora e Cadophora luteo-olivacea. Afectan principalmente á parte basal do patrón, colonizando os tecidos xilemáticos, de modo que ao realizar cortes transversais e lonxitudinais da madeira aprécianse pequenas punteaduras ou estrías necróticas, respectivamente, correspondentes aos vasos afectados pola enfermidade, observándose en ocasións exudacións gomosas (figuras inferiores 2 B e C).

ENFERMIDADES MADEIRA SINTOMAS petri 2

Figura 2. A) Síntomas de decaemento en plantas novas de vide; cortes transversais (B) e lonxitudinais (C) dun portainxerto novo de vide mostrando necrose xilemática.

Pé negro:

A enfermidade do pé negro caracterízase por afectar o sistema radicular e á base do patrón, provocando lesións necróticas que resultan nunha redución da masa radicular (figura 2D e E). Esta enfermidade está causada por especies pertencentes aos xéneros Campylocarpon, Cylindrocladiella, Dactylonectria, IlyonectriaNeonectria e Thelonectria.

ENFERMIDADES MADEIRA SINTOMAS pié pé negro 2D) redución da masa radicular en plantas afectadas; E) corte transversal dunha planta nova de vide afectada por pé negro.

Enfermidade do decaemento por Botryosphaeria:

A enfermidade do decaemento por Botryosphaeria, causada por 26 especies da familia Botryosphaeriaceae, caracterízase por producir necrose sectoriais da madeira dos brazos ou do tronco principal das plantas que causan a súa desecación e morte (figura A e B).

ENFERMIDADES MADEIRA SINTOMAS 3 BOTRIOSFERA

A) síntoma en campo do decaemento por Botyrosphaeria: desecación de sarmentos e morte do brazo; B) necroses sectoriais na madeira que toman cor marrón escuro e consistencia dura.

Esca:

A esca está causada polos fungos Phaeomoniella chlamydospora e Phaeoacremonium spp., e por varios fungos basidiomicetos, sendo o máis frecuente Fomitiporia mediterranea.

Esta enfermidade pode presentarse externamente baixo dúas formas segundo a súa evolución: lenta e rápida ou apopléxica. Na primeira, as follas mostran coloracións nas zonas internerviais, que posteriormente evolucionan a necrose (figura 3C). A produción redúcese e os acios mesmo chegan a pasificarse prematuramente.

Estes síntomas poden manifestarse de forma crónica nalgunhas plantas e de forma totalmente errática noutras, de maneira que aqueles desenvólvense un ano pero non o seguinte. Na forma apopléxica, que se dá sobre todo no verán, prodúcese a morte repentina da planta (figura 3F). As seccións transversais dos troncos afectados mostran unha variedade de síntomas internos da madeira, como estrías necróticas no xilema, ás veces rodeadas por unha decoloración da madeira de cor rosa a marrón (figura 3D). En estados avanzados da enfermidade, adoita observarse unha podremia seca e esponxosa da madeira nas zonas centrais do tronco ou brazos (figura 3E).

ENFERMIDADES MADEIRA SINTOMAS yesca

C) síntomas externos de esca asociados á forma lenta ou crónica: coloracións internerviais en follas que toman progresivamente unha coloración avermellada nas de uva tinta; F) síntomas externos de esca asociados á forma rápida ou apopléxica: morte repentina da planta; síntomas de esca en madeira de vide: punteaduras necróticas no xilema (D) e podremia esponxosa de cor branca amarelado (E)

Eutipiose:

A eutipiose, causada polo ascomiceto Eutypa lata e outros 23 fungos diatripaceos, caracterízase por unha necrose sectorial de cor marrón escura nas seccións transversais da madeira.

As plantas afectadas desenvolven brotes débiles, con entrenós curtos, follas máis pequenas algo deformadas, cloróticas e con necrose xeralmente marxinal (figura 3G e H).

Os síntomas foliares poden aparecer de 3 a 8 anos despois da infección e variar dun ano a outro. Os acios maduran de maneira desigual, son pequenos e, en casos severos, os froitos pasifícanse e morren.

ENFERMIDADES MADEIRA SINTOMAS eutipiose

(G) e H) síntomas externo de eutipiose: brotes débiles, con entrenós curtos, follas máis pequenas e algo deformadas, cloróticas e con necrose, xeralmente marxinais.

Autores: 

Beatriz López-Manzanares, Sonia Ojeda, Rebeca Bujanda e David Gramaje, do Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino (ICVV) de La Rioja.

María del Pilar Martínez Diz e Emilia Díaz Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA-AGACAL)