25-10-2020

Poda e fertilización no viñedo da IXP

A poda constitúe unha práctica cultural fundamental para o cultivo da vide, xa que serve para mellorar a calidade, evitar a veceira, mellorar a eficacia, reducir o consumo de produtos fitosanitarios e facilitar a colleita das uvas. Realízase en dúas épocas: poda en repouso vexetativo (dende o agostamento ata o choro das cepas), poda en verde, cando o crecemento da planta é excesivo, co fin de equilibrar a vexetación e a produción para mellorar a calidade da uva. As tesoiras de poda deberán estar ben afiadas para realizar cortes limpos. A desinfección das ferramentas de corte, deberá realizarse periodicamente e máxime cando existan plantas afectadas con problemas sanitarios ou se se sospeits dunha posible enfermidade. Os cortes de diámetro superior protexeranse con produto selador de feridas. É obrigatorio queimar os restos de poda daquelas plantas con sintomatoloxía clara de enfermidades.

Recoméndase executar a poda cunha formulación técnica, tendo en conta os principios fundamentais que rexen esa práctica para maximizar a súa eficacia e rendibilidade, adaptándose ás exixencias de cada variedade, ao seu índice de fertilidade e outros factores agronómicos. Tamén realizar as técnicas de eliminación de chupóns ou ladróns, netos, follas,... como medidas complementarias destinadas á mellora da calidade, e marcar as cepas con sintomatoloxía de padecer enfermidades da madeira e facer un seguimento das mesmas. A practica de poda de rexuvenecemento cando existan plantas envellecidas ou afectadas por enfermidades da madeira é unha das tácticas que se poden usar.

Vedado queda o abandono de restos de poda sen triturado ou tallado destes e a queima incontrolada de restos de poda.

En canto á fertilización é necesario estimar as necesidades de macronutrientes, con base na análise fisicoquímica do solo. As análises de fertilidade do solo realizaranse cunha periodicidade de polo menos 5 anos e o subministro de nutrientes efectuarase fundamentalmente a través do solo. É imprescindible achegar polo menos un 20% das necesidades nitroxenadas en forma de nitróxeno orgánico procedente de compost organomineral, de estercos ben feitos ou de incorporación de fertilizante sideral (abono en verde) e con garantías de que están exentos de axentes patóxenos. Levar a cabo un programa de aplicación para os macronutrientes potenciando a achega de fertilizantes naturais e reducindo os químicos de síntese. Na programación haberá de terse en conta que os fertilizantes provenientes do exterior: materia orgánica, fertilización directa, etc.  deben compensar as extraccións das colleitas e as perdas técnicas. A materia orgánica, ou outras materias con valor fertilizante, deberá conter a mínima cantidade de metais pesados, antibióticos, patóxenos ou outros produtos tóxicos. Realizaranse emendas calcarias anuais en solos de pH inferior a 5,8,   e con concentracións de aluminio superiores a 0,5 cmol (+)/kg no CIC. A aplicación de nitróxeno realizarase respectando o Código Galego de Boas Prácticas Agrarias.

Semella aconsellable realizar análises de fertilidade do solo cunha periodicidade de polo menos 3 anos. O Aporte de esterco será cada 3–4 anos 30.000 kg/ha de esterco de vacún ou 15.000 kg/ha de ovella. Debe ser maduro ou ben feito, tipo compost. Non realizar achegas anuais de mantemento superiores a 40-60-125 Kg/ha de nitróxeno (N), fósforo (P2O5) e potasio (K2O) respectivamente. Excepcionalmente poderán aplicarse cantidades máis elevadas si está xustificado cunha análise de solo.

Está contraindicado as achegas ao solo de quelatos, e outras formulacións de micronutrientes, limitaranse ás situacións nas que as análises demostren que son indispensables para a saúde das plantas e unha produción axeitada. Tamén as aplicacións de nitratos ou materia orgánica en marxes de parcelas lindeiras a correntes de auga ou lagoas. Reacción pH: menor de 5,5 ou maior de 8,0.