13-10-2020

Establecemento e abonado

Para que unha nova plantación de viñedo poida usarse para facer viño etiquetado pola IXP Ribeiras do Morrazo éste debe contar cos permisos pertinentes en solo rexistrado no Rexistro Vitícola Galego. 
Elixiranse solos aptos para o cultivo do viñedo, situados por debaixo dos 300 metros de altitude. As plantacións situadas en zonas con pendentes superiores ao 20% estarán establecidas seguindo as curvas de nivel e coas oportunas medidas correctoras. É recomendable elixir solos con capacidade de drenaxe alta, e evitar o de drenaxe lenta ou de estancamento de auga. 
Previamente á plantación, e se é necesario, realizaranse arranxos no terreo que impidan o estancamento da auga (distribución de rede de drenaxe) e a erosión hídrica. A preparación do solo debe ser profunda, eliminando  ben todos os restos vexetais (cañotas, cepas, raíces, etc...) de cultivos anteriores se os houbese, por ser fonte de problemas fitosanitarios como a Armillaria e outros. Ao iniciarse a plantación deben realizarse as análises de fertilidade e, de ser o caso, fitopatolóxicas do solo.
É importante eliminar as malas herbas mediante técnicas culturais evitando o uso de herbicidas. tamén que a profundidade do burato de plantación será de 40 cm ou que nas parcelas con pendentes superiores ao 10 %, dar preferencia aos socalcos ou bancais fronte a unha nivelación. Cando se realice o establecemento de novas plantacións sobre terreo que anteriormente tivera viña, plantacións froiteiras ou forestais, respectarase un período de tempo (aproximadamente 4 anos) con rotacións de gramíneas antes de volver replantalo con viñedo. Neste punto estará prohibido a práctica de facer grandes movementos de terra con estratos de solo pouco fértiles, por resultar perigoso para a estabilidade da pendente, perdida de materia orgánica e a erosión.
En canto ao abonado do solo, antes de plantar realizarase unha análise do solo e farase un abonado de corrección, así como un control do Aluminio e acidez do solo. Eludir mesturar a caliza con esterco, abonos amoniacais ou con superfosfato, por bloqueos e perdas de nutrientes.
A plantación realizarase nun marco suficientemente amplo, para asegurar unha achega de luz suficiente á planta durante o período de vexetación, así como a súa ventilación e aireación. O sistema de formación, e/ou condución, será o adaptado ao comportamento vexetativo e produtivo da variedade, máis o tipo de solo e o microclima local. O deseño da plantación terá por obxectivo non exceder a produción máxima por hectárea permitida pola IXP: 10.000 kg de uva, e 6.800 litros de viño para as variedades brancas 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas. 
É aconsellable que a densidade de plantación sexa entre 600 e 4.000 cepas por hectárea, e empregar sistemas de formación e condución que melloren a calidade das colleitas. Tamén utilizar o sistema de espaleira ou emparrado, coas súas variantes, cunha superficie cuberta dos sistemas de condución en emparrado entre o 50-75 %. O marco de plantación, orientación e sistema variedade e da fertilidade do solo, será tal que as ringleiras se dispoñan de maneira que se minimice a erosión do terreo e orientadas, se é posible, de nordés a suroeste para lograr unha mellor orientación do cultivo, e que a distancia entre plantas se adapte ao vigor da cepa, á fertilidade do solo e ao sistema de condución. 
Se se quere certificar o futuro viño con este selo de calidade, hai que fuxir de utilizar na plantación ou na enxerta material vexetal (variedades, patróns) non autorizado pola IXP, plantar a variedade directamente no solo (pé directo), plantar outro cultivo vexetal asociado ao viñedo na mesma parcela e en plantacións novas cultivar mais dunha variedade por parcela sen que haxa límites claros entre elas.