25-08-2020

Viticultura na IXP Ribeiras do Morrazo

Na primeira entrada deste blog falábase algo que compre lembrar: no territorio desta Indicación Xeográfica  Protexida (IXP), que abrangue aos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela, están inscritas preto de 75.000 parcelas, que suman 2.340 hectáreas, pertencentes a 25.414 viticultoras e viticultores.

Así é irrefutable dicir que a viticultura deste territorio sostén unha importante relación coa poboación. Un 11,6% da poboación é titular de, polo menos, unha finca de viñedo inscrita no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG). Dado que na actualidade non todas as parcelas nas que se cultiva viñedo teñen regularizada a súa situación no RVG, a porcentaxe de persoas propietarias de fincas, nas que se cultiva viñedo, é maior. Esta porcentaxe é moito maior, se non incluímos no cómputo total da poboación a aquela que  corresponde aos núcleos urbanos importantes, como é o caso da cidade de Pontevedra, ou os principais núcleos urbanos dos concellos limítrofes. Actualmente apréciase unha desvinculación das propiedades familiares no rural ou teñen a súa orixe familiar fóra dos termos municipais que forman a IXP. Ademais arredor de cada titular dunha finca existe un núcleo familiar que participa dalgún xeito nas labores de coidado das vides; cando menos no momento da vendima, na que tradicionalmente participan tanto familiares como amizades ou a veciñanza.

A viticultura ten un gran peso na xestión e configuración do territorio. Un 6,13%, do total da superficie dos oito concellos, está ocupada  pola  superficie  de  viñedo  que consta  inscrita  no  RVG.  A  superficie  media de cada explotación é inferior aos 1.000 m2. Cada persoa propietaria ten  de  media  ao redor tres parcelas, sendo a superficie media das mesmas de 315 m2. Este minifundismo, social e  territorial,  sustenta  unha  estrutura da propiedade fragmentada e dispersa, configurando  unha  paisaxe  rural  ben definida, pero que  tamén  implica  unha xestión medioambiental máis complexa.

A vinculación e a influenza no medio é un feito. Á vista da estrutura extremadamente minifundista, e do elevado número de persoas propietarias de viñedo, que se describiu anteriormente, pódese concluír que existe unha grande vinculación  e influenza desta actividade no medio rural e nas zonas periurbanas.

Esta actividade vitícola xera un impacto ambiental importante sobre o territorio e os seus recursos, a través dos inputs (abonos, combustibles, fitosanitarios,...) e dos residuos (plásticos, embalaxes, restos orgánicos,...), xerados pola mesma.

Actualmente contabilízanse un total de oito adegas neste territorio, amparado pola IXP, segundo os datos da Consellería do Medio Rural. Estas adegas estarían acreditadas para a elaboración dos viños baixo este selo de calidade. Dende a creación da indicación xeográfica protexida, só cinco adegas (situadas nos concellos de Marín, Poio, Redondela, Vilaboa e Cangas) e 18 viticultores estan actualmente  a elaborar viños certificados baixo esta figura.