O uso de produtos fitosanitarios na vitivinicultura débese facer con gran responsabilidade. Na IXP Ribeiras do Morrazo hai unha estrita normativa para o seu uso. No caso de resultar necesaria unha intervención química, as substancias activas que se vaian empregar serán seleccionadas de acordo cos criterios de: menor perigo para humanos, fauna silvestre e medio natural; de efectividade no control da praga, patóxeno ou mala herba; de selectividade (débese evitar a toxicidade para polinizadores e inimigos naturais); e de que consiga diminuír os residuos e o risco de aparición de poboacións resistentes.
As substancias activas que se empreguen estarán autorizadas no Rexistro de Produtos e Material Fitosanitario e aprobadas expresamente para un uso determinado, respectando sempre as restricións impostas polo protocolo da IXP. O uso de produtos fitosanitarios realizarase respectando sempre as indicacións reflectidas nas correspondentes etiquetas, calculando a cantidade de produto e o volume de auga a empregar evitando excedentes do caldo de aplicación despois de rematar o tratamento. A mestura ou dilución previa dos produtos fitosanitarios non se realizará con anterioridade á súa incorporación ao depósito. No caso de que o equipo de aplicación non dispoña de dispositivos incorporadores, o produto fitosanitario engadirase despois de que o depósito se encha de auga ata a metade da súa capacidade ou ata a metade do que se vaia a aplicar. É imprescindible evitar as sobredosificacións e infradosificacións e adoptar as medidas precisas para evitar que a deriva das aplicacións alcance parcelas distintas das que se pretende tratar, así como ao propio solo.
A presenza de residuos deberá minimizarse mediante a máxima ampliación posible dos prazos de seguridade. Todos os tratamentos fitosanitarios realizados nas parcelas anotaranse inmediatamente no Caderno de Explotación xa que é obrigada a súa dispoñibilidade ante unha inspección, e debe estar actualizado. No Caderno de Explotación rexistraranse os seguintes datos:
- Datos xerais da explotación: nome, dirección, equipos de aplicación,...
- Identificación das parcelas: relación das parcelas, superficie, cultivo,...
- Información da aplicación dos tratamentos fitosanitarios: data do tratamento, praga a controlar, produto fitosanitario aplicado,...
- Ficha da partida ou colleita comercializada.
Os Cadernos de Explotación e todos os documentos relacionados ca utilización de produtos fitosanitarios, como poden ser as facturas de compra, o xustificante de entrega de envases baleiros a SIGFITO, certificado de inspección do equipo de aplicación, etc. conservaranse ao menos durante os 3 anos seguintes a súa data de emisión. O almacenaxe dos produtos fitosanitarios pola persoa usuaria debe facerse nun local ou armario, situado nunha zona libre de humidade e protexido das temperaturas extremas. Debe estar illado do resto de materiais existentes no almacén, especialmente de material vexetal e dos produtos para consumo humano ou animal, de forma que evite calquera risco de contaminación. Disporá de chave e ventilación permanente e suficiente. Os produtos deben gardarse pechados, en posición vertical con peche cara arriba e coa etiqueta orixinal íntegra e lexible. O produto sobrante debe gardarse no seu envase orixinal e pechado. Os produtos fitosanitarios e fertilizantes deben estar debidamente ordenados e separados físicamente.
É conveniente alternar materias activas de distinto grupos químicos e mecanismo de acción e realizar as aplicacións fitosanitarias como máximo ata os 21 días antes do inicio da vendima.
Está prohibido incumprir cas indicacións da etiqueta, o uso de calquera produto fitosanitario que se dera de baixa no ROPMF do Ministerio competente en agricultura e realizar aplicacións de produtos fitosanitarios en condicións meteoroloxicamente desfavorables.