14-08-2020

Os viños da IXP Ribeiras do Morrazo

O territorio de Ribeiras do Morrazo é un territorio heteroxéneo, onde conviven microespazos dunha riqueza e identidade diferenciada, inimitable, dunha autenticidade apabullante: ribeiras de areais, ribeiras de ensenadas, de ladeiras e encostas que caen ó mar, ribeiras norte e ribeiras sur, ribeiras entrerías… e sempre os ventos do océano atlántico varrendoo todo dun lado ao outro.

Existen viñedos antigos en Donón, Cangas, que están tan preto do mar que en lugar de terra están cubertos de area de duna, que dota á raíz de nutrientes únicos, introducindo na composición dos acios de uva o auténtico adn do Atlántico.

Os viñedos protexidos por este selo de calidade aluman uns viños diferentes, frescos, salinos, oceánicos. Viños brancos e tintos, elaborados con castes autóctonas, monovarietais e en coupage, sendo os máis populares nos brancos os albariños, e o caíño tinto e mencía nos tintos. As variedades brancas son albariño, branco lexítimo, caíño branco, godello, loureira, treixadura e torrontés. As variedades tintas son brancellao, caíño tinto, espadeiro, loureiro tinto, mencía, pedral e sousón. Unha destas variedades, o caíño tinto, é unha das castes máis identitarias do territorio, que na parroquia de Cela, en Bueu, é coñecida como a famosa tinta femia, unha uva temperamental, que fai un vinho potente con moita textura, case cárnico. Os brancos destacan pola súa frescura, cunha acidez pronunciada que á temperatura idónea fai deles a compañía perfecta.

As cores dos viños da  IXP Ribeiras  do Morrazo viaxan desde o ouro ao vermello picota. Os aromas a mar, a froita, a bosque, a area quentada polo sol. O padal atópase con sabores que obrigan a pechar os ollos, porque de súpeto escoitas gaivotas e sentes o vento na cara. Estes viños, xóvenes como selo de garantía, antigos como a humanidade, transcenden respecto pola terra, polas persoas que os traballan, e supoñen o futuro de todo un territorio. Son viños con alma.