05-10-2020

Os solos nos viñedos da IXP

A zona agrícola na que se producen os viños da IXP Ribeiras do Morrazo goza dunhas 2.100 horas de sol ao ano e de temperaturas suaves, con amplitude térmica reducida no período vexetativo, entre 7,3 e 25,7 ºC, temperaturas elevadas no período invernal (por riba dos 9 ºC de temperatura media no mes de xaneiro), unha práctica ausencia de xeadas e con precipitacións que se sitúan entre os 1.300 e os 1.800 mm.
Débese ter en conta que os terreos de ladeira, con suaves pendentes e orientacións protexidas polo relevo da dorsal do Morrazo, a Serra de Castrove ao norte, as elevacións de cara a Serra do Suído no este e a Serra do Galiñeiro no sur, exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, provocando unha debilitación estival das precipitacións, que ao combinarse con temperaturas relativamente altas na mesma época  provocan  valores elevados de evapotranspiración (entre 600 e 800 mm no ano) e, consecuentemente, unha acusada influencia mediterránea neste período, con temperaturas medias a carón dos 18 ºC, o que claramente beneficia o cultivo do viñedo.
A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e con escaso contido en materia orgánica no seu estrato máis superficial. Son, na súa maioría, solos antigos, con profundidade suficiente, presentando unha textura franca ou franco-areosa, de fácil labra e que quecen ben pola insolación, o que os fai adecuados para o cultivo. Destacar os cultivos en areais e dunas na parroquia de O Hío, en Cangas do Morrazo, que os fai especialmente singulares.
Tendo en conta estas peculiaridades, e os requisitos estipulados no Prego de Condicións  da IXP, as prácticas de traballo no viñedo que se relacionan a continuación teñen por finalidade obter unha produción de uva de calidade e saudable para o consumidor, mediante o emprego de prácticas de cultivo que respecten o medio ambiente e a saúde. Utilizaranse métodos que tendo en conta as esixencias da sociedade, a rendibilidade do cultivo e o equilibrio de ecosistemas, diminúan o uso de produtos químicos, reduzan contaminacións innecesarias no aire, auga e solo e permitan obter producións de uva de alta calidade. Todo elo dando pasos en dirección á produción integrada.