05-11-2020

Mantemento do solo, rega e control de pragas

Considéranse para mantemento do solo as seguintes técnicas: Labra. Cuberta vexetal. Tratamento herbicida autorizado. Outras técnicas (mulching, flamexado, etc.). No caso da existencia de cuberta vexetal quérese manter a flora espontánea cando esta sexa maioritariamente de gramíneas e leguminosas, no caso contrario aconséllase a súa implantación. Nos casos nos que sexa necesaria a aplicación de herbicidas, as substancias activas seleccionaranse baixo criterios de control de pragas e enfermidades. A súa aplicación realizarase no momento no que as malas herbas sexan máis sensibles e axustándose ás técnicas recomendadas na etiqueta do produto polo fabricante.

Recoméndase a cuberta vexetal en solos con pendentes e/ou suficiente dispoñibilidade de auga. E cando se realiza unha labra á terra, facelo en situación de tempero. Non é aconsellable aplicar herbicidas en plantacións menores de 3-4 anos, nin no inverno. Cando se apliquen herbicidas, as materias activas deberán rotarse para evitar a aparición de resistencias ou inversión de flora. No caso de control químico de malas herbas, utilizar unha mestura permitida de dous herbicidas de tipo de acción diferente, cando os tipos de herbas adventicias sexan variadas e non sexan controladas por unha soa materia activa permitida. Para cada tipo de control, elixir a maquinaria que ofreza o menor risco de emisións de CO2.

Móstrase inconveniente a aplicación de herbicidas que non estean autorizados para o cultivo do viñedo, a utilización de apeiros que destrúan a estrutura do solo ou invertan os seus horizontes. En parcelas con pendente >10%,  e  plantadas  no  sentido desta, non se poderá utilizar labra como sistema de mantemento do solo en toda a superficie (máximo nun 20%). Desaconsellable tamén o emprego de materias activas, ou produtos, que non estean autorizados Rexistro Oficial de Produtos e Material Fitosanitario do Ministerio competente en agricultura.

Se existe instalación de rega, realizarase unha análise da auga, cunha Periodicidade máxima de 5 anos. Nos casos nos que se sospeite a posibilidade de elevados contidos en sal ou dalgún tipo de contaminación, as análises efectuaranse con maior periodicidade a criterio técnico. O material de rega utilizado nas instalacións novas deberá estar autorizado para tal uso.

Ponse de manifesto a conveniencia do uso de técnicas de rega que garantan unha maior eficiencia no uso da auga, a optimización dos recursos hídricos e que cumpran o coeficiente de uniformidade. O uso de augas cuxa calidade cumpra coa normativa específica correspondente e o establecemento do volume máximo de cada rega e quenda en función do sistema de rega, profundidade radicular, estado hídrico do solo, das súas características fisicoquímicas, do estado vexetativo, densidade de plantación, etc. Aconséllase tamé a colocación dun pluviómetro para medir a auga de choiva e prohíbese a utilización de augas residuais sen depurar e a colocación de portagoteiros a menos de 30 cm da cepa da vide.

 

En canto ao control de pragas e enfermidades, realizarase segundo unha xestión integrada das pragas e anteporanse os métodos culturais, biolóxicos, biotecnolóxicos, físicos e xenéticos aos métodos químicos. Cando sexa necesario aplicar métodos de loita directa, teranse en conta os umbrais de tolerancia, a estimación de risco e a información aportada polos servizos técnicos. É unha obriga tanto o uso de prácticas de fertilización, emendas de chans, rega e drenaxe equilibradas como a  protección e mellora dos organismos beneficiosos, da fauna útil.

Convén a visita as fincas con frecuencia e realizar un continuo seguimento da evolución do cultivo do viñedo, así como non ter fincas próximas de viñedo abandonado. É contraindicado utilizar calendarios de tratamentos predefinido e realizar aplicacións indiscriminadas sen prescrición técnica, e o abandono da parcela antes da finalización do ciclo vexetativo do cultivo de viñedo.