15-09-2020

Sustentabilidade

É relevante ter en consideración que este territorio está baixo a influencia de numerosos espazos naturais protexidos, co cal debemos ter máis sensibilidade cara esta materia. É importante analizar o impacto que a viticultura pode xerar sobre o medio natural e costeiro. Como dixemos, a zona atópase no marco de influencia de espazos protexidos como o Parque nacional Marítimo terrestre das Illas Atlánticas (Bueu), a Zona de Especial Conservación (ZEC) Cabo Udra (Bueu e Cangas), a ZEC Costa da Vela (Cangas), A ZEC Enseada   de San Simón (Redondela, Vilaboa, Moaña e Pontevedra), ZEC Complexo Ons Grove (Bueu), ZEC Río Lérez (Pontevedra) e a Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Illa de Ons. Isto implica a necesidade, de seren respectuosos ao extremo, co cal debemos investigar se existen fontes documentais ou académicas que analicen, ou podan reflectir, o impacto da actividade vitícola nos ecosistemas costeiros e mariños2, que son unha variable que nos inflúe de maneira importante. A repercusión que a viticultura pode ter ao limitar coa zona litoral de dúas rías diferentes, pode ser elevada, por iso debemos abordar este aspecto non como un problema, senón como elemento que xere un valor engadido no consumidor ou consumidora final destes viños.
Así, que prácticas podemos facer, para seren máis respectuosos co medio ambiente? • Utilizar prácticas de traballo, no campo e na adega, que aposten por un modelo de redución e eficiencia no consumo enerxético, é algo esencial. Cómpre favorecer a utilización de enerxías limpas e promover a redución do consumo enerxético a través da implantación de fontes de enerxía alternativas.

  • Utilizar materias primas, instrumentos e maquinaria que sexan respectuosos co medio ambiente en xeral, ou que produzan o menor impacto sobre o medio; ben no seu deseño, fabricación, ou nos residuos que as mesmas xeren no medio.
  • Apostar por prácticas de viticultura e enoloxía responsables utilizando modelos que respecten o medio natural e os recursos.
  • Promover un uso responsable na utilización, reutilización, tratamento e aforro da auga. Mirar que a captación da auga se faga respectando as canles normais, utilizar debidamente a auga, promover o seu aforro e ver que tratamento se lle da ás augas residuais. Neste sentido, o impacto sobre este recurso en época da vendima é moi alto, concentrándose nunha marxe de tempo bastante limitada, co cal deberemos estar máis vixiantes.
  • Ver o impacto que ten a actividade a nivel atmosférico, ben pola emisión de gases, como pola influencia que pode ter a nivel de ruídos. É importante estar moi ben asesorados e ser moi previsores na aplicación de produtos fitosanitarios, e adecuarse aos diferentes modelos nos tratamentos fitopatolóxicos, apostando por aqueles que sexan menos agresivos co medio natural, tanto coa flora como coa fauna.
  • É preciso xestionar debidamente os residuos derivados do traballo en campo e na adega. É necesario identificar os residuos que se xeran e os métodos de xestión que se van a empregar. Podemos comprobar se existe algunha  práctica  que  incentive a reutilización, redución ou reciclaxe dos residuos, ou mellorar a información sobre isto. Un exemplo importante, pode ser a reutilización dos sarmentos da poda para a elaboración de biocombustibles.
  • Outra práctica que se podería establecer sería a de poñer en marcha modelos ou sistemas de xestión medioambiental ISO 14001 (mundial), ou EMAS (europeo), se ben debemos ser conscientes  de que os custos de implantación co modelo produtivo existente, serían bastante elevados, repercutindo na determinación do prezo final do produto. Malia as numerosas críticas que recibe o modelo minifundista, este pode ser aproveitado, porque é un importante recurso á hora de poñer en valor o patrimonio cultural, preservar a paisaxe, pero tamén, é moi importante á hora de preservar a biodiversidade dos ecosistemas e hábitats desta zona costeira. Cómpre explotar este aspecto coma un valor diferencial, que fomente unha orientación clara cara ao ámbito do enoturismo. Este modelo pode convivir con modelos similares.

En liñas xerais, o compromiso ambiental e social das explotacións vitícolas e das adegas é algo que as persoas consumidoras están a valorar cada vez máis, escollendo un viño non só pola súa procedencia, senón tamén polo seu modelo de explotación.