05-08-2020

IXP Ribeiras do Morrazo: a orixe

De moi lonxe vén o legado de cultivar e facer viño no territorio ao que hoxe podemos designar como o da IXP Ribeiras do Morrazo. Para que hoxe podamos gozar dos caldos etiquetados con este selo de garantía houbo un enorme traballo detrás no que se implicaron viticultores, adegueiros, asociacións,  concellos e administracións públicas. 

A orixe estivo na vitivinicultura das comarcas de Pontevedra e do Morrazo, que xogou un papel moi importante no mantemento da actividade agraria e na configuración da paisaxe desta zona costeira. A súa longa tradición histórica atesoura esta actividade, que malia a ter un declive nos últimos anos, segue sendo un importante nicho para o desenvolvemento social, produtivo e territorial.
Nun momento dado viticultores que xa facían viño e vendíano a través dos coñecidos como “furanchos”, teñen a inquiedanza de facer valer o produto do seu traballo e inician xestións para que a D.O. Rías Baixas inclúa na súa protección a vitivinicultura destes municipios. Esta acabou sendo unha vía morta, polo que pronto, animados pola iniciativa á que fóronse sumando forzas, conseguiron o impulso definitivo co GDR Pontevedra Morrazo que aposta por esta actividade, e converte a vitivinicultura das Ribeiras do Morrazo nun dos eixos estratéxicos para valorizar tan prezado recurso. Nesta andadura, apóstase por unha estratexia de desenvolvemento local participativo, traballando man a man coas persoas viticultoras, coas adegas, e tamén, con outras entidades do territorio preocupadas por esta actividade.
Froito desta colaboración e traballo conxunto acadouse a aprobación da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo. Esta figura supuxo o primeiro chanzo para prestixiar estes viños e reforzar a súa calidade, dándolle unhas notas singulares e diferenciais, en liña coa identidade que define esta zona costeira atlántica.
A figura de protección da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo, foi aprobada pola Comisión Europea, con data do 9 de xaneiro de 2018, por medio do Regulamento de Execución (UE) 2018/27 da Comisión Europea. Publicouse no Diario Oficial da Unión Europea, o día 10 de xaneiro de 2018. Segundo os datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural, a partir do Rexistro Vitícola Galego (RVG), no territorio desta Indicación Xeográfica Protexida (IXP), que abrangue aos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela, están inscritas preto de 75.000 parcelas, que suman 2.340 hectáreas, pertencentes a 25.414 viticultoras e viticultores.