A Xunta convoca de novo o préstamo vendima para que as adegas galegas poidan mercar toda a uva da colleita de 2021 en condicións normais de mercado

Data: 
mércores, Agosto 4, 2021

Renóvanse así, tal e como se comprometera, estes empréstitos, concibidos para que o sector vitivinícola poida seguir paliando os efectos da covid-19

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que regula o préstamo vendima neste 2021, renovando así este instrumento financeiro que permitirá que todas as adegas galegas poidan mercar a totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Deste xeito, Medio Rural activa unha liña de preto de 30 millóns de euros de créditos avalados pola Xunta, cunha garantía que acada os 4,5 millóns para cubrir posibles impagos. Estes empréstitos están garantidos no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Segundo o recollido na orde publicada hoxe, poderán beneficiarse do préstamo vendima as pemes agroalimentarias que sexan titulares de bodegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas e que -previo informe favorable da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca)- obteñan o recoñecemento do dereito ao empréstito por parte da Consellería de Medio Rural e, posteriormente, o formalicen.

Os préstamos deben destinarse á adquisición de uva na campaña 2021, así como, no caso de procesado de uvas de produción propia, a financiar o capital circulante de explotación, todo iso co obxecto de elaborar viño acollido a denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. En calquera caso, o importe total por beneficiario non poderá superar o importe de 200.000 euros.

Os empréstitos -cuxas condicións están establecidas por convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e distintas entidades bancarias no ámbito do instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020- deberán contar cunha duración total de ata cinco anos e cun ano de carencia. O tipo de xuro preferente será o resultado de sumar ao euribor a un ano -correspondente ao segundo mes anterior ao de formalización do préstamo- un diferencial de dous puntos, redondeado o resultado a tres decimais.
A orde entra en vigor mañá, día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Será a partir de entón cando os interesados poderán presentar a súa solicitude de recoñecemento do dereito ao préstamo directamente ou a través das entidades financeiras colaboradoras. Deben dirixila ao Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria da delegación territorial da Consellería do Medio Rural onde se sitúe a súa industria, obrigatoriamente de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación remata o 15 de outubro deste ano.
Esta iniciativa forma parte dunha liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola covid-19. Así, co obxectivo de garantir o futuro do sector do viño da nosa comunidade, estes empréstitos ofrecen unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210730/AnuncioG0426-210721-0001_gl.pdf