A Semana Verde de Galicia conta coa participación de adegas da IXP Ribeiras do Morrazo

Date: 
venres, Setembro 3, 2021

Comeza hoxe e a ata o vindeiro domingo a edición máis esperada da Semana Verde despóis do parón por mor da Covid.

Entre os días 3 e 5 de setembro, na Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda, celébrese a 43ª edición da Semana Verde, na que se dan varias citas de innegable valor para o sector da alimentación, a gastronomía e o turismo de Galicia. A excelente traxectoria de Abanca Semana Verde acredítaa como unha efectiva plataforma comercial. Unha condición que o certame revalidará en 2021.

Este ano volverán FESTUR, a Feira de Festas de Interese Turístico; FECAP ABANCA, Feira de Caza, Pesca en Natureza; TUREXPO GALICIA, o Salón Turístico de Galicia; e SALIMAT ABANCA, o Salón de Alimentación do Atlántico. Será neste último que tres adegas da IXP Ribeiras do Morrazo mostrarán o mellor dos viños do noso territorio, Adega do Mosteiro de Poio, Adega Ardán e Adega Areeiros.

 

O Salón potenciará unha ampla oferta de alimentos diferenciados, constituíndo para o visitante un gran escaparate de produtos de calidade e innovadores e para o expositor un espazo perfecto onde dirixirse tanto ao profesional como ao consumidor final. Unha atractiva exposición á que se unirá a gran distribución, cunha presenza xa afianzada que busca difusión pero tamén novos produtos para os seus lineais. E que terá un valor engadido, un completo programa con showcookings de recoñecidos chefs, catas, presentacións, o espazo Alinova ou encontros con tendas gourmet e bloggers.

Programa de actividades 👉 https://www.semanaverde.es/actividades.pdf

Máis información 👉 https://www.semanaverde.es/