Cata de viños das IXP galegas no programa de verán do Concello de Poio

Date: 
luns, Agosto 10, 2020

O Mosteiro de Poio acollerá na tarde deste xoves 13 de agosto, a partires das 20.30 horas, unha das citas estrela do programa Reinicia o Verán. Trátase da Cata ‘Viños da Terra, Viños Atlánticos’, a través da cal os e as asistentes poderán degustar diferentes viños da IXP Ribeiras do Morrazo, así como do Barbanza-Terra de Betanzos. A expectación que levantou esta actividade foi moi alta, como o demostra o feito de que as 50 prazas ofertadas para tomar parte na iniciativa (o aforo reduciuse a esta cantidade para garantir o cumprimento de medidas de distanciamento e seguridade pola Covid-19) esgotáronse na mañá do pasado martes, pouco despois de abrir o prazo de reservas. Amosaron o seu interese en acudir á cata persoas de diferentes municipios, como Pontevedra, O Grove, Santiago ou Vigo. Iso si, o Concello deu prioridade á veciñanza de Poio á hora de tramitar as inscricións.

A degustación estará dirixida polo sumiller, enólogo e adegueiro Roberto Regal. Os viños que se darán a probar serán, no apartado de brancos, o Viñas del Monasterio (elaborado no propio Mosteiro de San Xoán), os Areerios – Vilaboa e Komokabras Verde 2018. Os dous primeiros forman parte da IXP Ribeiras do Morrazo, sendo o último da do Barbanza-Terra de Betanzos. Ademais, tamén estará presentado en branca lexítima o Xeixedo, da Adega Bordel de Abegondo (Barbanza-Terras de Betanzos). Con respecto aos tintos, figuran os ‘caíños’ Porta do Conde (Adega Ardán de Marín, IXP Ribeiras do Morrazo) e Miúdo (Adega Saborido, de Boiro, IXP Barbanza-Iria), así como o mencía Viñas del Monasterio.

A actividade incluirá tamén unha actuación a cargo de FAIA, integrante do grupo De Vacas e que ven de publicar o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín. As concellerías de Festexos e Cultura, responsables do Reinicia O Verán, lembran que o venres 14 o adro do Mosteiro acollerá o Ciclo Músicas no Ar, coa actuación do quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra (19.30 horas). Esta iniciativa impúlsase a través da Deputación de Pontevedra. O sábado 14, haberá uha cita de poesía musical na Praza Alfredo Romay de Samieira (21.00 horas), mentres que, xa o domingo, a Praza da Chousa de Combaro será escenario dun espectáculo circense a cargo de Hell Brother’s Cirkonpacto (21.00 horas). Esta programación podería sufrir cambios, en funcións das condicións meteorolóxicas.

Foto: Diario de Pontevedra