Adegueiros e grupos de desenvolvemento rural únense para impulsar as Indicacións Xeográficas Protexidas de viños de Galicia

Data: 
luns, Novembro 1, 2021

6 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e 15 Adegas das 4 Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de viños de Galicia xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación que se presenta o vindeiro 4 de novembro ás 17.30 no Pazo da Cultura de Pontevedra para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro.

Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre as catro IXP vitícolas de Galicia, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e/ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. Tamén se busca favorecer o posicionamento como destino enoturístico das comarcas que forma cada IXP.

Accións previstas
Entre as accións previstas no proxecto está a celebración de xornadas de dinamización e Túneles do Viño ligados a cada un dos Grupos de Desenvolvemento Rural.

As xornadas peseguirán a dinamización, divulgación e animación interna, abordando retos de futuro, a dinamización da viticultura e a procura dunha mellor percepción social e coñecemento das IXP, dos seus viños e dos territorios.

Os Túneles do Viño son outra das actividades contempladas no proxecto. Parellas ás xornadas, realizaranse no territorio de cada unha das IXP de viño galegas e funcionarán como espazo de mostra, promoción e degustación de todas as referencias de viño amparadas baixo o selo das IXP. Realizaranse varias catas, ao longo do día, co obxectivo de facilitar a participación de diferentes perfís sociais: institucional, canal HORECA (Hoteis, Restaurantes e Cáterings), sector vitivinícola e outros axentes. Ademais, co obxectivo de impulsar o potencial enoturístico das comarcas que inclúen as IXPs, traballarase tamén na identificación dos elementos, contidos e actividades de interese enoturístico, creando unha rede de establecementos colaboradores coas IXP a partires dun receitario de menús enogastronómicos. Complétase esta acción coa elaboración dun documento-guía de adaptación das
adegas ao enoturismo que lles permita, aos operadores das IXP, crear e/ou mellorar nas súas instalacións zonas de exposición de viños, cata , degustación, etc.

Tamén se traballará o posicionamento dixital das Indicacións mediante a construción dunha plataforma web promocional, unha campaña publicitaria e a elaboración dun plan de comunicación. Ademais contémplase, a sinatura dun acordo institucional, para a promoción dos viños, no que se pretenden acadar a participación das entidades locais que forman parte das IXP.

Xornada de presentación e Túnel do Viño en Pontevedra
A primeira xornada de dinamización, que servirá como acto de presentación do proxecto, celebrarase o xoves 4 de novembro ás 17.30h no Pazo da Cultura de Pontevedra e contará
cun espazo para a divulgación, centrado na calidade dos viños amparados polas IXP, a cargo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e unha mesa redonda. Na mesa redonda abordaranse, entre outros temas, a importancia dos recursos enoturísticos, as oportunidades de mercado, os novos modelos de consumo e a caracterización oceánica e ribeirá
dos viños das indicacións galegas. Participarán Luís Paadín (profesor e Técnico de Viticultura e Enoloxía da Universidade de Vigo), Antonio Portela (experto en cata de viños, viticultura e enoloxía) e Rafa Quintía (antropólogo e economista).
Está aberta a inscrición ao público a través do correo electrónico info@vinos.ixp.gal ou a través de teléfono no número 685 722 084 para atender aos protocolos sanitarios en materia da Covid19.
O primeiro dos túneles, correspondente á IXP Ribeiras do Morrazo, realizarase en Pontevedra o sábado 20 de novembro de 2021 na nova sede do grupo coordinador, GDR Pontevedra Morrazo no lugar de Os Campos nº 19 de Mourente.

Financiamento
O proxecto que conta cun orzamento de preto de 100.000€ está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Entidades colaboradoras
O proxecto conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 15 adegas que se distribúen nas 4 Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Casa Beade,
Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos e Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense.
O compromiso destas entidades privadas, é de contribuír ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe do 10% dos gastos subvencionables.

Entidades cooperantes
Participan no proxecto os Grupos de Desenvolvemento Rural de Pontevedra Morrazo (Grupo coordinador), Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia). 

Os viños das IXP de Galicia
As Indicacións Xeográficas Protexidas son figuras impulsadas pola Unión Europea para protexer e certificar a calidade e arraigamento de produtos tradicionais dentro dun territorio. Baixo estas indicacións elabóranse en Galicia viños de calidade, auténticos e diversos, mantendo valores artesanais con arraigamento histórico e empregando materias primas naturais coidadas por produtores locais.
Existen actualmente catro Indicacións Xeográficas Protexidas baixo as que se elaboran viños en Galicia: 
IXP Val do Miño-Ourense. Foi a primeira das IXPs constituídas, con grande arraigamento histórico nas comarcas situadas na zona central do val río Miño, onde se inclúe a depresión de Ourense capital e as súas zonas limítrofes.
IXP Viños da Terra de Betanzos. As condicións límite de luz e temperatura son características propias desta zona para obter os seus singulares viños. O río Mandeo e o seu afluente, o
Mendo, crean os vales que rodean á cidade de Betanzos, onde se concentran as terras dedicadas ás súas castes autóctonas.
IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria. A zona baixa do litoral norte da ría de Arousa mais o leito inferior e desembocadura do río Ulla configuran esta comarca costeira onde case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo de viñedos se atopa por debaixo dos 150 m sobre o nivel do mar.
IXP Ribeiras do Morrazo. A máis nova das indicacións de viño de Galicia traballa dende 2018 pola recuperación dunha cultura vitivinícola moi arraigada socialmente dende un territorio de gran potencial que se resiste ao abandono dos seus viñedos.