17-04-2021

"SER QUEN SOMOS", a identidade da IXP Ribeiras do Morrazo

A campaña para a tempada que vivimos da IXP Ribeiras do Morrazo vira en torno ao lema “SER QUEN SOMOS”, que expresa o orgullo pola propia identidade na máxima expresión da palabra.

Nesta época convulsa na que estamos inmersos puxéronse de relevancia realidades polas que ata o de agora pasamos no bico dos pés: a necesidade de mirar cara a dentro, de apoiar aos que temos máis preto, de percibir que o noso tamén vale moito, e que se nós non lle damos valor, non esperemos que veñan de fóra a darllo, e que se iso sucede, se só é valorado polos de fóra, é tremendamente inxusto.

Así, debullamos esa identidade que nos fai únicos no mundo a través de binomios que se expresan en imaxes:

SOMOS ATLÁNTICO, SOMOS OCEÁNICOS. Todo o territorio de Ribeiras do Morrazo mira ao mar, e non a calquera, esta terra está bañada por un océano, rico, frío e dinámico, que achega unha salinidade identificativa ao resultado da viticultura de respecto que se practica aquí. Paisaxes do mar rompendo nunha costa rota, abrupta, que nos fai diferentes; dunas, faros, viñedos que nacen directamente da area,... todo isto é ser oceánicos.